HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López convida a asistir ao Videa Fest de Vilaxoán, unha proposta...

Luis López convida a asistir ao Videa Fest de Vilaxoán, unha proposta cultural de calidade que consolida o sector como un potente motor económico e turístico para a provincia

- Anuncio -spot_img

O dirixente provincial participa no Pazo de Sobrán na presentación dun festival que se celebra o día 28 e conxuga pintura, música, cine, gastronomía e visitas guiadas

“A cultura é un dos motores da provincia e a Deputación, un dos seus promotores”, di López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o Videa Fest, que se celebra o vindeiro domingo no Pazo de Sobrán da localidade vilagarciá de Vilaxoán, como un dos ingredientes que enriquecen a oferta cultural da provincia, que é un dos grandes atractivos do destino turístico Rías Baixas e un importante motor económico para a provincia. O mandatario provincial vén de participar este luns na presentación da décimo novena edición deste evento artístico que conta co apoio do organismo provincial.

“O Videa Fest é transversal, representa a arte, a cultura, a gastronomía o enoturismo ou a moda. Tamén é importante a desestacionalización, hoxe que entramos no outono; e a descentralización, que os eventos non só se celebren nas grandes cidades, senón en vilas como Vilaxoán”, salientou o presidente, quen ve no Videa Fest unha referencia no calendario artístico de cada ano e unha oportunidade para seguir consolidando á provincia como un destino turístico sustentable, que pon en valor o territorio e ligado á cultura. 

A décimo novena edición deste festival celébrase o vindeiro domingo 28 de setembro cunha programación que xira arredor da obra do pintor coruñés Juan Moreno Badía. “Quero expresar e o meu agradecemento e recoñecemento polo talento e a sensibilidade dun artistazo e poder ver estes fermosos cadros que recollen vistas de espazos moi familiares da provincia e doutros lugares”, confesou o presidente sobre a obra deste artista, que forma parte dun programa que inclúe exposicións, visitas guiadas, cine, música, literatura, moda e degustacións gastronómicas no Pazo de Sobrán e outros lugares da localidade de Vilaxoán. Unha iniciativa pola que tamén quixo recoñecer o labor dos organizadores Mr Misto production & Services e reafirmar o compromiso do goberno provincial para apoiar festivais como este Videa Fest, ao que convida a todo o mundo a asistir esta fin de semana a Vilaxoán. 

Con motivo da súa presentación, o presidente Luis López salientou o peso que ten o sector da cultura como motor económico, turístico e de dinamización social da provincia. Deste xeito, o mandatario lembrou que Vilaxoán xa foi escenario neste mes de setembro doutro evento cultural de éxito como o Revenidas, festival incluído na marca Rías Baixas Fest que patrocina a Deputación. Referiuse tamén á Bienal de Arte que clausura esta semana a edición do seu regreso despois de quince anos de ausencia e ao informe de cultura elaborado pola Deputación no marco do Observatorio de Competitividade Provincia Extraordinaria, que xera 1.200 postos de traballo, conta con 500 empresas vencelladas a este sector e supón un volume económico de 146 millóns de euros. “A cultura é un dos motores da provincia e a Deputación é un dos seus grandes motores”, concluíu o presidente provincial, Luis López.

Publicacións Relacionadas