HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca cinco cursos de formación básica para persoal voluntario de...

A Xunta convoca cinco cursos de formación básica para persoal voluntario de Protección Civil

- Anuncio -spot_img
  • A Academia Galega de Seguridade Pública Impartirá as accións formativas, que se realizarán de xeito descentralizado
  • A matrícula debe formalizarse a través da web da Academia a partir de mañá e ata o 17 de outubro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de cinco cursos de formación básica impartidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para persoal voluntario das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que se desenvolverán a finais de outubro e durante o mes de novembro. O conxunto das accións formativas suman unhas 150 prazas e inclúen sesións presenciais e semipresenciais descentralizadas en diversos concellos galegos.

O curso básico de Protección Civil está dividido en seis módulos formativos, que inclúen contidos sobre loita contra os incendios, actuacións básicas ante emerxencias médicas, instrución sobre riscos accidentes e autoprotección ou sobre comunicación e igualdade de oportunidades.

Do total de cinco cursos, tres deles realizaranse de xeito semipresencial, cun total de 32 horas lectivas, con 22 horas de formación en liña e 10 horas de prácticas nos concellos de Touro, Celanova e Parada de Sil. Cada un deles conta con 35 prazas.

Por outra banda, os dous cursos na modalidade presencial realizaranse nos concellos de Arteixo e Triacastela con 32 horas lectivas. Nesta formación reservarase o 40 % das 25 prazas habilitadas para o persoal residente nos concellos nos que se desenvolve a acción formativa e terán preferencia de acceso aqueles que residan nas provincias destes municipios, A Coruña e Lugo, respectivamente.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 17 de outubro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na páxina web da Agasp, onde tamén se publicará o contido das diferentes actividades formativas e a relación de persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos.

A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para este segundo semestre do ano e súmase á publicada en febreiro, tamén para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, con 16 cursos e preto de 400 prazas.

Centro formativo de referencia para os servizos de emerxencia

Por outra banda, o plan de formación previsto ata xuño para persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia ofertou case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas en 250 accións formativas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Publicacións Relacionadas