Explorar as claves para sentirnos mellor é o obxectivo do ciclo de talleres teórico-prácticos Saúde natural na era artificial, que se levarán a cabo entre outubro e decembro na Biblioteca Rego da Balsa con Alejandro Castro, profesional da acupuntura. Segundo explica, con esta actividade pretende establecer “unha canle de divulgación directa co usuario. Mediante unha ollada á natureza e a historia, lembrar que a saúde é sinónimo de integridade e que o noso benestar pasa, indiscutiblemente, por “emocionar” a nosa forma de mirar o mundo que nos rodea”.
Este é o programa
14 de outubro | 19.30 h
INTRODUCIÓN
Se hai tanto de todo, por que me atopo mal?
Neste primeiro obradoiro farase unha breve introdución ao concepto de saúde natural e formularase unha posible razón da existencia de tanto malestar nun momento de suposta abundancia.
4 de novembro | 19.30 h
O MEU CORPO COMO MATERIA E TERRITORIO
Neste encontro exporá como o medo e a violencia dificultan a nosa capacidade de prestarlles atención ás necesidades do noso corpo. As persoas participantes realizarán algunhas prácticas creativas sinxelas e, a través da escritura, formularán unha dirección para recoñecer a solución básica á falta de comunicación que hai nos nosos distintos territorios.
25 de novembro | 19.30 h
A MIÑA ENERXÍA É RENOVABLE?
O obxectivo desta sesión é entender que significa enerxía vital, como funciona e cales son os seus límites. As persoas asistentes traballarán nunha estratexia en contra do abuso enerxético no noso corpo e identificarán formas naturais de recargarnos.
16 de decembro | 19.30 h
ESPÍRITO E SAÚDE, UN CASO DE CORRUPCIÓN DA MEMORIA
Como manter a saúde cando non se recorda o verdadeiro significado do auténtico. Unha breve mirada ao pasado para entender en que momento e como cambiou o paradigma de saúde e cales son os elementos que nos faltan para volver a ter esa sensación de que todo funciona.
Os talleres do ciclo Saúde natural na era artificial van dirixidos ao público adulto e son gratuítos. Cada sesión terá unha duración de hora e media, e non se requiren coñecementos previos. Inscricións en carballo.gal desde a semana anterior.