A actividade, que supón o regreso deste programa municipal, encádrase á súa vez nas propostas co gallo do Día Internacional das Mulleres Rurais
Prosegue en San Sadurniño a programación deseñada polas áreas de Igualdade e Cultura con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o próximo día 15. Hai uns días tivemos a sesión “Transmitindo saberes e sabores” en colaboración coa Fusquenlla, tamén está en marcha na Casa do Concello a exposición “Primixenias” e, ademais, temos dúas citas inminentes. A máis inmediata é este sábado ás 17:30h no local social de Bardaos cun interesante obradoiro culinario no que aprenderemos a facer chanfaina seguindo as receitas e o xeito da hostaleira xubilada Julia Gudín González, que rexentou durante anos o Bar Marcial da mesma parroquia. A outra proposta, que se desenvolverá na Aula CeMIT o propio día 15, de 11:00 a 13:30h, ofrece a posibilidade de gravar pezas sonoras que despois se publicarán no pódcast “Tecendo ondas”.
A inscrición no Tempos para compartir hai que apurar a facela a través do 695 876 178 ou enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. E o motivo de ter que bulir non é outro que asegurarse unha das 12 prazas ofertadas que, por certo, están a piques de esgotarse.
Julia Gudín González é unha das mulleres de Bardaos que atesouran o saber ancestral da preparación da chanfaina, un embutido típico da nosa zona que ela elabora con touciño, raxo, cebola, pemento doce e picante, ourego, cravo e comiño. Ingredientes ben contundentes que se aglutinan con sangue e fariña de millo antes de embutirse no recho dun porco que despois se cocerá durante unhas tres horas. Esa é a receita que mostrará Gudín o sábado á tarde no local social de Bardaos, a que ela aprendeu a facer “con 13 ou 14 anos”, tal e como lle contou ao programa da TVG “Grandes lugares” hai máis dunha década.
Este obradoiro, encadrado na programación do Día Internacional da Muller Rural, significa a volta do ciclo Tempos para compartir que o Concello impulsou hai varios anos como maneira de dinamizar o territorio e estreitar vínculos veciñais. A iniciativa, que funcionaba con regularidade mensual até 2020 -todos os primeiros sábados de mes agás no verán- viuse interrompida pola pandemia e desde aquela non volvera retomarse coa mesma precuencia.
Agora Igualdade pretende dárlle un novo impulso e por iso convida a toda a veciñanza que queira compartir os seus saberes ou habilidades a que contacte co departamento para poder ir organizando novas actividades. Só hai dous requisitos: que os obradoiros poidan condensarse con certo aproveitamento nunha única sesión de arredor de dúas horas e que o custe dos materiais necesarios sexa asumible para o Concello. E, a partir de aí, o que se queira -como xa se ten feito anteriormente-: cestaría, manualidades, cociña, elaboración de bombóns, preparación de xabóns para lavalouzas, manexo de cámaras deportivas, deseño de broches de fieltro, cocido de pan en forno de leña, etc., cadaquén, o que saiba e desexe compartir.
Un pódcast da Rede CeMIT
A seguinte cita do programa do Día Internacional das Mulleres Rurais titúlase “Tecendo Ondas: Podcast das Mulleres Rurais” e terá lugar na Aula CeMIT de San Sadurniño o propio 15 de outubro entre as 11 e as 13:30h. Trátase dun obradoiro de iniciación á gravación e edición de audio dirixido principalmente ás mulleres do concello no que as participantes aprenderán a crear o seu propio podcast. O taller abordará todo o proceso de produción: desde a gravación e edición ata a publicación en liña, permitindo que as pezas finais poidan ser compartidas e escoitadas por outras persoas.
Esta proposta, compartida por todos os centros de modernización e inclusión tecnolóxica, busca facilitar o coñecemento e as ferramentas para que as mulleres de distintas xeracións poidamos expresar as nosas experiencias, lembranzas e coñecementos por medio dun pódcast colectivo que, ao mesmo tempo, poña en valor o papel fundamental que desempeñamos como gardadoras de saberes e do propio rural.
Para asistir a este obradoiro hai que chamar ao 616 016 793 ou enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
Máis actividades
Dous días despois, o venres 17 de outubro, Igualdade ofrecerá ás 19:00h na Casa da Cultura o espectáculo “Mulleres de conto”. A narradora Cris de Caldas traeranos relatos de mulleres que non sempre levaron unha vida de conto, pero que por iso mesmo merecen ser lembradas. Faremos unha viaxe a través de historias recompiladas que mesturan a tradición oral coa realidade, ás veces dura, pero narrada cun humor (sempre necesario) nun acto de lembranza, un berro de xustiza e unha celebración da resiliencia das mulleres do rural. O espectáculo é con entrada libre e chega a San Sadurniño grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A programación do Día Internacional das Mulleres Rurais pecharase o sábado 25 de outubro ás 19:00h tamén na Casa da Cultura coa actuación das Pandereteiras de Xacarandaina. A proposta, que tamén chega a San Sadurniño grazas á Rede Cultural da Deputación, coincide co ano en que as Letras Galegas se lle dedicaron ás cantareiras e á poesía popular oral. A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar entradas no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.