HomeA CoruñaComezan as obras de restauración do encoro da área recreativa da Presa...

Comezan as obras de restauración do encoro da área recreativa da Presa (Frades) nas que a Xunta de Galicia inviste preto de 50.000 euros

- Anuncio -spot_img

O Concello de Frades asumirá a titularidade do encoro unha vez estean rematadas as obras

Augas de Galicia vén de iniciar hoxe as obras de recuperación do encoro sobre o río Tambre e de posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da Presa, na parroquia de Ledoira (Frades). Unhas obras froito do convenio de colaboración asinado o pasado 27 de setembro pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, polo que a Xunta financia con preto de 50.000 euros esta obra mentres que o Concello asumirá a titularidade do encoro cando os traballos de restauración estean rematados.

Os traballos consisten na restauración dun tramo de 15 metros deste encoro emprazado no dominio público hidráulico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa e que, ademais de dar servizo a unha antiga central hidroeléctrica no limítrofe concello do Pino, xerou unha zona axeitada para o baño que foi a orixe dunha das principais praias fluviais de Frades. Para iso utilizaranse bloques de pedra granítica de entre 400 e 800 quilogramos, que permitirán reconstruír un encoro que na actualidade se atopa moi deteriorado debido ás enchentes e temporais do último inverno.

O Concello de Frades, que se encargou de realizar o proxecto técnico autorizado por Augas de Galicia o pasado mes de xuño, asumirá a titularidade do encoro unha vez rematadas as obras. “Agardamos que este cambio de titularidade facilite tamén que dende o Concello poidamos realizar os traballos de mantemento e conservación na totalidade da área recreativa da Presa, unha das zonas de lecer máis coñecidas e concorridas de Frades, tal e como facemos no resto de áreas recreativas do municipio”, apunta o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

Publicacións Relacionadas