O cambadés Amadeo Abal Chaves (Amadeo Abal Nutrición Deportiva) e a compostelá Debris Paniagua Rodríguez (Club Atletismo O Pino) son os gañadores da XLII Carreira Pedestre da Amaía, organizada polo Concello de Brión en colaboración co Club Deportivo Brión Hypersa Santiago. Ao igual que o ano pasado, o tempo non acompañou este sábado en Brión pero tampouco restou participación, pois un total de 392 atletas cruzaron a liña de meta, 190 máis co ano pasado.
O gañador, Amadeo Abal, entrou en meta cun tempo de 31 minutos e 15 segundos, rebaixando en 1 minuto o tempo do gañador da edición 2024 e en minuto e medio o seu tempo de hai un ano, que lle valera daquela a terceira praza. Abal Chaves tivo unha carreira cómoda, na que lle sacou 1 minuto e 35 segundos ao segundo clasificado, Hugo García Souto, do Atletismo Portugalete, e 1 minuto e 49 segundos ao terceiro, Amador Pena Torreira, do Atletismo Obradoiro.
Na categoría feminina, continúa a “maldición” desta proba: ningunha atleta repite título de forma consecutiva, se ben nesta ocasión debeuse á que Isabel Caeiro Mariño non tomou parte na carreira. De feito, o podio foi totalmente renovado coa vitoria de Debris Paniagua Rodríguez, cun tempo de 35 minutos e 50 segundos, que lle permitiron entrar nun meritorio posto 14 da proba absoluta, seguida a tan só 9 segundos por Sabela Castelo López, do Club Ourense Atletismo. Completou o podio Demeku Paniagua Rodríguez, do Club Atletismo O Pino, cun tempo de 36 minutos e 37 segundos.
Dominio dos equipos de Santiago
Os equipos composteláns coparon un ano máis a clasificación por equipos. Por segundo ano consecutivo o triunfo foi para o Club Triatlón Compostela, seguido polo Club Atletismo Sar. Os locais do Club Atletismo Brión-Hyupersa Santiago conseguiron a terceira praza. Os premios foron entregados polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; e o concelleiro de Deportes, Carlos Noya, quen estiveron acompañados das concelleiras Rosa Romero e Guarina Rey, así como polo concelleiro José Antonio Vidal. Uns trofeos deseñados polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.