HomeXunta de GaliciaA Xunta destina 2,7 M€ en 2025 a actuacións de conservación fluvial...

A Xunta destina 2,7 M€ en 2025 a actuacións de conservación fluvial ante o risco de inundacions

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que a maioría deste financiamento se destina a actuacións en Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundacións (Arpsi) e buscan permitir a libre circulación da auga polo río previndo eventuais asolagamentos
  • No que vai de ano Augas de Galicia xa actuou en máis de 320 quilómetros de marxes fluviais a través de 80 actuacións
  • No caso da Arpsi Ulla-Sar a previsión é intervir en preto de 68 quilómetros de diferentes ríos e regos dos concellos de Rois, Brión, Padrón, Valga, Dodro, Catoira e Rianxo cun investimento de máis de 250.000 euros

A Xunta de Galicia destina este ano 2,7 millóns de euros a actuacións de conservación fluvial para reducir o risco de inundacións, segundo subliñou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita aos traballos que se realizan na contorna do río Sar ao seu paso polo concello de Rois.

Nesa liña, a conselleira explicou que a maioría deste financiamento se destina a actuacións en Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundacións (Arpsi) e teñen como obxectivo permitir a libre circulación da auga polo río previndo eventuais asolagamentos durante o inverno.

Así, no que vai de ano Augas de Galicia xa actuou en máis de 320 quilómetros de marxes fluviais a través de 80 actuacións como as que se están a levar a cabo na Arpsi Ulla-Sar. Neste caso, en concreto, a previsión é intervir en preto de 68 quilómetros de diferentes ríos e regos dos concellos de Rois, Brión, Padrón, Valga, Dodro, Catoira e Rianxo cun investimento de máis de 250.000 euros.

Durante a súa visita ás actuacións que se están a acometer no río Sar, en Rois, na que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a conselleira puxo en valor que o Goberno galego xa traballa na elaboración do novo Plan para a xestión do risco de inundación (PXRI) na demarcación de Galicia-Costa.

Nesta nova planificación, que se revisa ciclicamente cada seis anos e corresponde ao período 2028-2033, aparecen identificadas un total de 172 Arpsis fluviais -cun total de 565,7 quilómetros- e 28 costeiras. Cómpre indicar que esta actualización inclúe a declaración de dous novos tramos como Arpsi: un de 1,1 km no río Serantes na súa desembocadura en Mera (concello de Oleiros) e outro de 0,6 km no rego dos Corrais, concretamente no punto de afluencia na Malata, en Ferrol. Ademais, tamén se amplía a Arpsi de Ponteceso en 3,7 km, para incluír o rego do Cruceiro e o do río Pouso.

Tal e como subliñou a conselleira, esta catalogación, que abrangue un total de 726,47 quilómetros fluviais e costeiros, é imprescindible para saber cales son os puntos máis sensibles dentro da bacía Galicia-Costa ante eventos de chuvia extremos ou posibles asolagamentos.

Ademais, cómpre lembrar que no marco destas actuacións, a Xunta leva desde finais de agosto actuando nas marxes dos ríos para evitar a chegada de cinsas ás canles fluviais da Demarcación de Galicia-Costa en zonas danadas polo lume. Así, a comezos deste mes de outubro, estas actuacións para previr arrastres xa remataron en zonas  queimadas de Ponteceso, Lousame, Toques, A Estrada e Agolada; e están en execución outras en Meaño, Vilaboa e Barreiros.  

En concreto, aplícanse distintas técnicas para crear barreiras anticontaminación, recorrendo principalmente a cordóns vexetais ou elementos de madeira aproveitando o propio material queimado dispoñible en cada zona.

Publicacións Relacionadas