- Haberá un Inventario Galego de Accións Circulares para coñecer o estado real da economía circular desde o punto de vista empresarial
- Echevarria avanzou que en 2026 funcionará unha plataforma dixital que conectará empresas que xeran excedentes con outras que queiran reutilizalos como recurso
A Xunta de Galicia ten en marcha una Oficina de Economía Circular Industrial (OECI), enmarcada na execución do Plan Sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia (Priga), que está a brindar asesoramento e directo ás empresas galegas e, a maiores, desenvolve un traballo de detección das necesidades que teñen para mover modelos de negocio sostibles. Trátase de axudar a un cambio cultural e produtivo no sector coa intención de situar a Galicia como referente na transición verde.
Así o explicou hoxe na Comisión 2ª da Cámara galega, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre as medidas do Priga, instrumento co que o Goberno autonómico está a abordar a xestión de residuos industriais na comunidade ata 2030.
A alto cargo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que o Priga supón un instrumento de planificación, con programas de prevención e de xestión, que ten como principal obxectivo facilitar ao tecido empresarial galego a implantación dun modelo de economía circular que cumpra coas esixencias marcadas polas normativas europea, estatal e galega en materia de residuos.
Segundo relatou, no bo ritmo de desenvolvemento do plan sectorial está a incidir a Oficina de Economía Circular Industrial, activada o pasado mes de maio como un “servicio pioneiro” orientado a axudar ao tecido empresarial galego na súa transición cara modelos de negocio máis sostibles, impulsando a reutilización de materiais e favorecendo a transferencia de innovación tecnolóxica no ámbito industrial.
Echevarría incidiu en que esta Oficina, a través de canles telemáticas e presenciais e con visitas técnicas, está a prestar asesoramento e acompañamento ás empresas galegas para axudalas a integrar a circularidade nos seus procesos. Tamén resaltou que, a maiores, este servizo está a identificar as necesidades e as oportunidades estratéxicas do sector industrial galego e irá preparando un Inventariado Galego de Accións Circulares con elementos para medir e coñecer o estado real da economía circular na comunidade desde o punto de vista empresarial.
Aproveitou tamén a súa intervención na Comisión parlamentaria para lembrar que a OECI activou tres grupos de traballo que están constituídos, pero que están abertos a novas solicitudes de adhesión. Neste senso, destacou o Grupo de Traballo de Simbiose Industrial, destinado a identificar oportunidades de colaboración entre sectores, que inclúe o Programa de Mentoring en Circularidade Industrial.
Bolsa de subprodutos
Por outra banda, tamén está en marcha un grupo sobre as Capacidades Reais de Tratamento de Residuos Industriais e outro, de carácter intersectorial, para a creación da Bolsa de Subprodutos de Galicia, orientado a fomentar o uso de materias primas recicladas na produción de novos bens.
Ao respecto, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade avanzou que bolsa de subprodutos basearase nunha plataforma dixital que permitirá conectar empresas que xeran excedentes con outras que poderían reutilizalos como recurso. Concretou que a súa posta en marcha está prevista para 2026.
A creación da Oficina de Economía Circular Industrial -que se suma outra destinada a asesorar aos concellos- forma parte da aposta da Xunta por acadar a excelencia ambiental mediante a coordinación coas entidades locais e co sector privado. O obxectivo último é avanzar nun modelo económico e social que aposta pola circularidade, en liña coa Estratexia Galega de Economía Circular 2030 e coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, elaboradas tendo en conta os principios que emanan do Pacto Verde Europeo.