O Concello de Soutomaior iniciará nos vindeiros días esta actuación que dará comezo a primeira fase de saneamento no barrio de Cortellas. Uns traballos realizados con fondos propios por un investimento de máis de 47 500 euros.
Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e Pablo Garrido, concelleiro de Vías e Obras estiveron esta mañá en Cortellas no lugar onde vai a ter lugar esta primeira fase de saneamento. O Concello de Soutomaior destina máis de 47 500 euros a esta demanda histórica. Nos vindeiros días darase o primeiro paso para que a veciñanza de Cortellas poida estar conectada á rede de sumidoiros.
Nesta primeira fase actuarase na zona das Carballas e ten como finalidade que a futura rede de saneamento poida conectarse no sistema xeral a través das actuacións que se van a realizar nesta zona.
Unha vez realizada a primeira fase, o Goberno Local iniciará a segunda fase para dotar de saneamento a este barrio. Dende o Goberno Local informan de que hai na actualidade un proxecto de 150 mil euros que permitirá unha conexión a un importante número de vivendas no barrio.
O alcalde, Manu Lourenzo, dixo nesta xornada que “dotar de saneamento o barrio de Cortellas é dunha demanda histórica, con esta actuación dase un primeiro paso para o que non hai volta atrás. Inexplicablemente, nas Carballas, non se deixou a conexión preparada por iso no Goberno Local tivemos que facer esta primeira fase para dotas as obras de saneamento no barrio, estamos a falar dun compromiso do Goberno Local que con esta primeira actuación inicia a posta en marcha e, a continuación, coa segunda fase ao longo do vindeiro ano”.
Uns traballos adxudicados á empresa Contrucciones Vale S.L e teñen un prazo de execución de dous meses.