HomeXunta de GaliciaAnxo M. Lorenzo destaca o legado de Maruja Mallo como "expoñente da...

Anxo M. Lorenzo destaca o legado de Maruja Mallo como “expoñente da vangarda de Galicia”

- Anuncio -spot_img
  • O Museo Reina Sofía de Madrid acolle ata marzo de 2026 a maior retrospectiva realizada ata a data da creadora
  • O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a relevancia de poñer en valor a súa figura como “galega universal e transmisora clave da nosa cultura ao mundo”
  • O Goberno galego colaborou nesta exposición patrocinando o deseño e elaboración dunha alfombra dedicada á pintora viveirense

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición Maruja Mallo. Máscara y compás no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, onde destacou a importancia do legado de Maruja Mallo como expoñente da vangarda en Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a figura da artista viveirense como “galega universal e transmisora clave da nosa cultura ao mundo” e a relevancia de contar coa maior retrospectiva realizada ata a data da creadora. A mostra, que fai un recorrido cronolóxico pola súa traxectoria, reúne 90 obras entre as que se atopan pinturas, debuxos, escritos, documentos e vídeos.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo lembrou que a Xunta colabora na exposición mediante o patrocinio do deseño e elaboración dunha alfombra dedicada á pintora, elaborada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu, que quedou instalada na zona de acceso do museo. O proxecto pretende difundir a tradición alfombrista e a artesanía galega poñendo o foco nunha artista trangresora “que cimentou as bases da muller moderna e creou a súa propia linguaxe artística”, destacou Lorenzo.

Cómpre destacar que Maruja Mallo, unha das principais figuras da Xeración do 27, proxectouse cara ao mundo desde o seu Viveiro natal a través de cidades tan diversas como Madrid, Arxentina, París, Santiago de Chile, Brasil ou Nova York. Personalidade senlleira do surrealismo internacional, foi homenaxeada no Día das Artes Galegas do 2017.  Nesta mostra dáselle continuidade ao proxecto expositivo que se puido visitar ata o 14 de setembro no centro Botín de Santander.

Publicacións Relacionadas