- Aposta polo diálogo directo e a colaboración co sector, que aporta arredor do 2% do PIB autonómico, para avanzar en proxectos de infraestruturas, dixitalización e transición enerxética
- A Xunta destina xa en 2025 máis de 650 millóns de euros a obra pública, recursos hídricos e programas de innovación coa participación activa do sector
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe nun encontro organizado pola Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (AGEINCO) no que puxo en valor a importancia de combinar a economía e o respecto polo medio ambiente para o desenvolvemento do litoral: “Para iso, necesitamos que os profesionais botedes unha man desde o punto de vista técnico. Xamais imos facer nada que non estea avalado polos técnicos”, salientou o presidente.
O presidente lembrou que a Xunta mantén mesas de traballo permanente co sector da enxeñaría galega e, a comezos deste ano, acordou con AGEINCO liñas prioritarias de colaboración en eidos como a promoción de talento feminino, a intelixencia artificial, a internacionalización, a dixitalización e a defensa da competencia fronte a grandes operadoras estatais. Asegurou, ademais, que a Administración autonómica garante a participación da enxeñaría en proxectos clave de mobilidade, ordenación do territorio e transformación dixital.
Rueda incidiu na importancia de contar coa enxeñaría desde as fases iniciais dos proxectos para evitar riscos e atrasos, mellorar a redacción técnica e acadar mellores resultados cos mesmos recursos: “Tentamos axilizar todas as xestións administrativas bastante. E tamén detectamos que en nosa propia administración e noutras, ás veces retárdase todo moito. E aí a alianza público privada fai que as cousas se axilicen”, apuntou Rueda. Neste senso, lembrou que xa se introduciron melloras na contratación pública, cunha actualización de prezos unitarios de persoal e novos criterios de valoración, especialmente en proxectos de maior complexidade.
En materia de infraestruturas, o presidente sinalou que Galicia non pode permitirse atrasos en obras básicas para vertebrar o territorio e garantir igualdade de oportunidades. Avanzou que en 2025 xa se investiron 329 millóns de euros en obra pública, case un 40% máis que no exercicio anterior, e insistiu en que o sector privado está chamado a achegar rapidez, innovación e protagonismo.
Xunto a estas materias, Rueda tamén se referiu a asunción plena das competencias sobre o litoral do pasado mes de xullo: “Acabamos de adquirir a competencia plena do litoral. Respectando todos os valores ambientais, en Galicia viviuse toda a vida do litoral e no litoral, e queremos que iso siga sendo así”, resaltou.
Neste sentido, reiterou o impulso da Xunta a un Pacto e un Foro do Litoral para a súa xestión; á xestión dos recursos hídricos, subliñando que en 2025 se destinarán 151 millóns de euros a proxectos de saneamento e depuración; á transición enerxética, advertindo que só ten sentido se xera industria e emprego no territorio e chamando á enxeñaría galega a liderar proxectos de hidróxeno verde, eólica mariña e almacenamento; e a dixitalización e industria 4.0, explicando que en 2025 a Xunta mobilizar máis de 170 millóns para programas específicos nas empresas: “Temos un catálogo de todo o que está agora mesmo no litoral, que ata o de agora non se podía facer nada. E agora é posible, cunha boa planificación, que alí tamén haxa vida, e por tanto vida económica”, resaltou.
Igualmente, no eido do talento, fixo fincapé á necesidade de reter e atraer profesionais cualificados, recordando medidas en marcha como os bonos talento ou a formación dual, ademais do pioneiro decreto de microcredenciais para mellorar a empregabilidade. Tamén resaltou os avances en contratación pública, con revisión de prezos, mellores criterios de valoración, redución das encomendas a empresas públicas e introdución de ferramentas innovadoras como os xemelgos dixitais.
O xefe do Executivo autonómico rematou transmitindo unha mensaxe de colaboración e compromiso, asegurando que Galicia só poderá avanzar máis rápido e mellor coa implicación da enxeñaría. Reiterou a vontade de manter un diálogo directo e constante co sector, ao que pediu seguir contribuíndo con ideas innovadoras para que Galicia consolide o seu futuro como terra de oportunidades, competitiva e de referencia: ”Se hai organizacións que din que algún proxecto pode ser, sen caer en cuestións políticas, senón técnicas, axuda moito. Así os grandes proxectos industriais poden vir aquí”, salientou o presidente.



