O presidente e o vicepresidente provinciais pechan unha edición “que pasará á historia” polo seu regreso despois de 15 anos de ausencia, por ser a primeira vez que os actos se estenden por toda a provincia e por promover a paz e a concordia en tempos de guerra
A celebración no salón de plenos do Pazo provincial do espectáculo “Labola”, de La Ribot, pecha o programa de Artes Vivas dunha Bienal que manterá abertas ao público as súas exposicións ata o vindeiro 30 de setembro
“Ao longo dos últimos tres meses, esta provincia demostrou ser a casa da arte, a casa da cultura e a casa da humanidade. Un lugar onde a paz, a convivencia e o respecto cobran vida a través da arte”, afirma López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez clausuraron este venres unha edición da Bienal de Arte de Pontevedra “que pasará a historia”. Coa celebración no Salón de plenos do Pazo provincial do derradeiro espectáculo do ciclo de Artes Vivas a cargo do grupo La Ribot, cunha peza titulada “Labola”, pechouse o programa da edición número 32 dunha Bienal que baixará o pano de xeito oficial o vindeiro día 30 co fin das visitas as distintas exposicións que se foron sucedendo en distintos enclaves da cidade desde o mes de xuño. “Ao longo dos últimos tres meses, esta provincia demostrou ser a casa da arte, a casa da cultura e a casa da humanidade. Un lugar onde a paz, a convivencia e o respecto cobran vida a través da arte”, recoñeceu o mandatario provincial no encontro, no que tamén participou o deputado de Cultura Jorge Cubela, con artistas, membros da organización e afeccionados a arte que formaron parte do regreso dunha Bienal que, despois de 15 anos de ausencia, resultou ser un éxito de participación, organización e repercusión.
“Despois de 15 anos ausente, a Bienal regresou a Pontevedra con máis forza ca nunca para situar neste extremo de Europa o centro da vangarda artística, cultural e de pensamento. Por primeira vez en 32 edicións, as pólas desta árbore artística estendéronse por toda a provincia cun novidoso ciclo de artes vivas que resultou ser un completo acerto. E desde Pontevedra, nesta época de guerras e de crise dos valores que nos definen como humanos, demostramos ao mundo que a paz, a concordia e o entendemento son posibles cun amigable abrazo entre o fotógrafo residente en Israel Miki Kratsman e a artista palestina Raida Adon”, argumentou o presidente Luis López para afirmar que “esta edición número 32 da Bienal de Arte de Pontevedra pasará a historia”.
Un logro polo que o mandatario provincial quixo recoñecer e agradecer a achega de todas as persoas que fixeron posible a organización da Bienal. Desde cada un dos artistas que formaron parte do programa, así como do comisario Antón Castro e todo o seu equipo ata os milleiros de asistentes aos distintos actos programados e, tamén, por todo o traballo e empeño do vicepresidente Rafa Domínguez, artífice da recuperación da Bienal. “A Bienal vai pasar a historia e o fará grazas a vós”, remarcou.
“Durante tres meses fomos testemuñas de propostas innovadoras e profundamente humanas nunha Bienal que ten como razón de ser volver ser humanos. Hoxe, mentres pechamos este ciclo, non so damos por finalizado un evento, senón que reafirmamos o compromiso de seguir promovendo a arte como un motor de cambio e transformación social, sempre desde a liberdade de expresión e a aceptación”, repasou o vicepresidente Rafa Domínguez, que agradeceu tamén a todas as persoas que participaron nesta Bienal pola súa aportación. “Sen a vosa presencia estas experiencias non serían posibles”, admitiu.
Aínda que o programa desta edición número 32 da Bienal de Arte, que levaba por lema “volver ser humanos diante a dor dos demais”, rematou coa representación da peza de La Ribot, recalcaron López e Domínguez que a Bienal non remata. “Este acto non é unha despedida, é unha invitación. Hoxe comeza a edición número 33 da Bienal de Arte de Pontevedra e contamos con todos vós. Vémonos dentro de dous anos e, grazas a esta edición e a todos os que formaron parte dela, reencontrarémonos sendo moito máis humanos e máis sensibles ante a dor dos demais”, concluíu o presidente Luis López.



