HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación adícalle o 8 de outubro ás mulleres rurais de FEMURO,...

A Deputación adícalle o 8 de outubro ás mulleres rurais de FEMURO, dentro da campaña “8M, mes a mes”

- Anuncio -spot_img

Teresa Barge, deputada de Igualdade, explica que se trata dun claro exemplo de forza feminina dende o rural ourensán “que desde a Deputación queremos poñer en valor e resaltar coincidindo con que o 15 de outubro conmemoramos o Día da Muller Rural”

A Deputación de Ourense, a través da súa Área de Igualdade, continúa  co programa “8M, Mes a Mes”, adicándolle o mes de outubro ás mulleres rurais, personificadas na Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), con María Isabel (Maribel) Garrido Blanco como presidenta. Teresa Barge, deputada de Igualdade, explica que se trata dun claro exemplo de forza feminina dende o rural ourensán “que desde a Deputación queremos poñer en valor e resaltar coincidindo con que o 15 de outubro conmemoramos o Día da Muller Rural”.

Maribel foi unha das fundadoras da federación, xunto con Corona Meixeira, no ano 1998; e desde o 2012 ostenta a presidencia desta federación. Precisamente, polo seu incansable labor a prol do asociacionismo das mulleres no rural, a Área de Igualdade que dirixe a deputada Teresa Barge quere recoñecer este mes a FEMURO, dado que esta federación sempre organiza actos con este motivo, como o que ten programado para o vindeiro día 18 en Vilardevós.

FEMURO naceu baixo a necesidade común de crear un espazo de unión e colaboración entre as asociacións de mulleres do rural. Tal e como explica a súa presidenta, “é unha federación que traballa para fortalecer o tecido asociativo feminino e mellorar as condicións de vida das mulleres nas zonas rurais de Ourense”

As labores realizadas pola federación contémplanse en dúas grandes liñas: o asociacionismo e o ámbito social. O asociacionismo desta federación amósase no acompañamento ás asociacións de mulleres na súa creación e consolidación, ofrecendo asesoramento, apoio en xestións e trámites, dinamización de actividades e organización de talleres, encontros e xornadas formativas. Actualmente contan con 68 asociacións federadas repartidas por todo o territorio ourensán.

Por outro lado, no ámbito social. FEMURO desenvolve programas de emprego, formación, emerxencia social e conciliación, centrados especialmente na atención ás mulleres en situacións de vulnerabilidade; ademais, leva a cabo accións de sensibilización en igualdade dirixidas a toda a poboación, con especial presenza nos centros educativos, onde traballa coa infancia e a adolescencia para previr as violencias machistas e fomentar relacións baseadas no respecto e na igualdade.

Tal e como sinala Maribel Garrido, “FEMURO converteuse nun nexo de unión entre mulleres de distintas idades, procedencias e realidades, un espazo onde atopan apoio, orientación e acompañamento. Ben sexa para poñer en marcha unha asociación, buscar orientación laboral, cubrir necesidades básicas ou simplemente compartir un lugar de escoita e convivencia, FEMURO é sinónimo de rede, forza e comunidade no rural ourensán.”

Publicacións Relacionadas