· O auditorio municipal acollerá un programa para todas as idades e cunha presenza destacada de artistas e creadores locais
O Auditorio Municipal de Ribeira acollerá os próximos días 25 e 26 de outubro a edición 2025 do Culturgal Expandido.
O programa inclúe actividades para todas as idades e unha destacada presenza de artistas e creadores locais, como Quico Cadaval, Fran Sieira, Nan Îllonia, Susana Sampedro ou Os Liantes, ademais de obradoiros e conversas literarias.
“O Culturgal Expandido chega a Ribeira para manter o noso propósito de levar a cultura galega ás vilas pequenas e medianas da provincia”, asegurou Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, que presentou esta mañá no hall do Auditorio Municipal de Ribeira o programa da feira xunto o alcalde, Luis Pérez; Antía Alberte, concelleira de Cultura de Ribeira, e Camilo Franco, director de Culturgal.
“É moi importante para nós que Ribeira sexa sede dun dos eventos máis importantes do ano na cultura galega”, afirmou Luis Pérez, mentres que Antía Alberte destacou “a oportunidade que isto supón para a nosa vila, dous días para facer comunidade e coñecer o máis novo da cultura galega”.
“Este Culturgal Expandido quere unir a enerxía cultural galega coa enerxía cultural dunha vila como Ribeira cun obxectivo final, que non é outro que divertirse”, engadiu Camilo Franco, “nunha cita qué un pouco un bonsai do Culturgal de Ponteveda, xa que aquí teremos tamén todas as disciplinas da cultura galega, como a literatura, a música, a danza, as artes escénicas, os videoxogos ou o cinema”.
Programa
O Culturgal Expandido comeza o sábado 25 de outubro ás 10:00 horas co obradoiro ‘Mediación. Un baile ceibe en comunidade’, con Fran Sieira, para dar paso ás 12:00 horas a ‘O lobo feliz’, un espectáculo infantil con Miguel Guido.
Ás 13:00 horas chegará o obradoiro ‘Pensa o teu guión de videoxogo’ e xa pola tarde Clube de lectura, conversas literarias, Quico Cadaval, danza e a película ‘O Apostolo’.
Na mañá do domingo, programación infantil con ‘Contamos contos de lobos?’, de Ghazafellos, e ‘O rap do coello fedello’, de Irene Alonso Gasalla.
Pola tarde, obradoiro de cinema, coloquio cos premiados do certame ‘Cidade Centenaria de Ribeira’, e un peche musical con Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela e XeVA & Mon-O.