HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño segue recollendo información sobre como mellorar a...

O Concello de San Sadurniño segue recollendo información sobre como mellorar a participación veciñal nas actividades municipais

- Anuncio -spot_img

O Concello de San Sadurniño mantén aberto desde o mes de maio un cuestionario anónimo en liña co obxectivo de coñecer de primeira man como participa a veciñanza nas actividades organizadas polos distintos departamentos e que dificultades atopa para compatibilizalas coa súa vida cotiá. A enquisa, promovida polas áreas de Igualdade e Cultura, tamén pretende obter información sobre cales son os medios polos que a xente se informa das propostas municipais, cales son os seus hábitos, que necesidades consideran que habería que cubrir e que limitacións atopan para acudir ás actividades organizadas polo Concello. Máis de medio cento de persoas cubriron  xa o formulario, que aínda continuará activo ata finais deste ano, proporcionando información moi valiosa para deseñar unha programación máis inclusiva e axustada á realidade da veciñanza.

O formulario, dispoñible en liña, pode completarse en poucos minutos e está estruturado en varias seccións. A primeira recolle datos sobre as actividades nas que se participou ao longo do 2025, mentres que a segunda analiza as canles de comunicación máis efectivas segundo a experiencia da persoa usuaria, como poden ser a prensa diaria, as redes sociais ou as propias canles municipais, como son o Facebook, o Whatsapp, a web municipal ou o boletín Novas que se publica cada mes e medio ou dous meses.

Por outra banda, a terceira parte do inquérito céntrase en aspectos sociodemográficos, como idade, xénero, situación laboral, parroquia de residencia ou estrutura familiar, sempre sen recoller datos de filiación que poidan identificar á persoa participante no estudo.

Un dos focos principais do cuestionario é a conciliación da vida persoal, laboral e comunitaria, xa que se trata dunha das prioridades do Concello á hora de planificar os seus servizos. De feito, con esta iniciativa preténdese detectar barreiras ou desaxustes que limiten a participación cidadá, especialmente entre aquelas persoas con responsabilidades familiares ou con horarios laborais pouco flexibles.

“Todas as preguntas que hai no formulario son totalmente anónimas, o Concello non sabe nin ten maneira de saber quen as contesta. Pero aínda así está achegando información moi útil sobre como participa a veciñanza nas distintas actividades que organizamos desde os distintos departamentos. Cando pechemos o tempo de recollida, cruzaremos os datos e tiraremos conclusións ao respecto. A información que estamos obtendo vai ser clave para deseñar programas que non só gusten, senón que tamén estean adaptados ás demandas da xente”, explica Araceli Bellas Castro, titular de Cultura, Igualdade, Normalización lingüística e Coordinación das políticas municipais.

Desde o Goberno local anímase a todas as persoas maiores de 14 anos a que cubran o formulario, que permanecerá activo durante todo este 2025 para recabar información durante un periodo suficientemente amplo como para dar datos precisos e representativos. Para participar no cuestionario que, insistimos, é anónimo, abonda con picar nesta ligazón.

Publicacións Relacionadas