· As persoas interesadas poderán anotarse no rexistro municipal ou na sede electrónica.
Carral pechará o venres, 10 de outubro, o segundo prazo de inscrición para as súas escolas deportivas, educativas e actividades de envellecemento activo para o curso 2025-2026. Durante o primeiro período de solicitude, o Concello completou a maioría das prazas ofertadas entre as 21 actividades dispoñibles, quedando só uns poucos ocos que se lanzan nesta segunda convocatoria. Actualmente, as propostas contan con 520 alumnos e alumnas rexistrados.
O programa, que estará en marcha ata o 19 de xuño, abarca un amplo abanico de opcións: desde os deportes máis clásicos como patinaxe, atletismo, judo, ximnasia rítmica, ata disciplinas máis minoritarias como equitación. Neste curso iniciouse, ademais, a de xogos predeportivos, dirixida para nenos e nenas de entre 3 e 6 anos. A isto hai que sumar, así mesmo, outras disciplinas como baloncesto, pádel (con case 40 participantes) e zoa.
Actividades extraescolares
Desde a implantación da xornada única no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, o Concello puxo en marcha un amplo abanico de actividades nas súas instalacións para facilitar a conciliación das familias. Neste apartado inclúense as deportivas como judo escolar, ximnasia rítmica, patinaxe e atletismo e outras educativas como robótica, concilia día a día, debuxo e pintura, fun english, informática, cociña divertida e baile moderno.
O Concello ofrece, ademais, propostas de envellecemento activo para os veciños e veciñas máis maiores. É o caso das ximnasias de mantemento, que xa están en marcha en Carral, Tabeaio e Ou Canedo.
As persoas interesadas en optar a algunha das prazas dispoñibles poderán inscribirse presencialmente no rexistro municipal ou na sede electrónica.