Trátase dunha traxedia con moitos toques de humor que incita a cuestionarnos a importancia da saúde mental e a poñernos no lugar do outro
O Concello de Nigrán continúa este domingo 12 de outubro coa programación especial de ‘Fegateatro’ coa función ‘Heroes en decembro’ de Abran Paso Teatro (Ourense) ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar aforo.
Catro suicidas acceden a un programa de repoboación rural a modo de terapia grupal. As rutinas e actividades programadas fan ver a Berta que sobrevivir non poden devolverlle as ganas de vivir. O suicidio silenciado de Khalid dentro do programa, a rebelión de Berta e a chegada da última traballadora social, con intereses ocultos, cuestionan os piares sobre os que se sustenta o proxecto e cada un dos seus habitantes. ‘Heroes en decembro’ é un texto contemporáneo e actual, unha traxedia con moitos toques de humor, que nos incita a cuestionarnos a importancia da saúde mental e a poñernos no lugar do outro. Realiza unha radiografía fresca e actual sobre a realidade social mostrándonos a realidade desde outra perspectiva.
O Fegateatro continúa o domingo 19 con ‘Novo Amencer’ de Achádego Teatro (Lugo) e o sábado 25 con ‘María Castaña’ de Avelaíña Teatro (Mourente).
Este é o quinto convenio que o Concello de Nigrán asina coa Federación Galega de Teatro Amador, achegando o Concello 4.500 € que supoñen 7 representacións en Nigrán (3 xa tiveron lugar en xuño).