Marga Caldas aplaude que o parque vaia ser realidade mais lamenta “a cadea de despropósitos e bloqueos” do Partido Popular con fins políticos durante 20 anos
As nacionalistas instan á Xunta a pagar como mínimo o prezo das expropiacións que Moldes solicitaba cando era integrante da plataforma
O BNG de Poio cre que o Partido Popular debe pedir desculpas polo retraso inxustificado do polígono de Fraga Moreira e a gran perda de oportunidades pola ‘fuga’ de moitas empresas cara outros asentamentos durante os últimos anos. Así o dixo hoxe a voceira Marga Caldas, quen destacou que é positivo que por fin o parque vaia ser unha realidade, mais lamentou a cadea de despropósitos do PP durante máis de 20 anos para impedir o desenvolvemento do terreo empresarial por fins políticos, ata que os populares conseguiron a Alcaldía.
“Son 20 anos de bloqueo e arredor dunha década para o inicio do trámite do Plan Estruturante de Ordenación do futuro parque. O PP debería explicar ás veciñas e veciños que foi o que cambiou neste tempo, os motivos polos que antes o proxecto estaba metido no caixón e agora si se lle dá para adiante”, cuestiona a nacionalista.
Caldas lembra que os ‘paus nas rodas’ para impedir que o Bloque impulsase o polígono estando na Alcaldía véñense repetindo dende que o PP estaba na oposición en Poio, co anterior voceiro Javier Domínguez como xerente de Xestur e con Moldes xa como concelleiro. Subliña que resulta “irónico” que a conselleira María Jesús Lorenzana dixera esta semana que Fraga Moreira é unha iniciativa prioritaria para a Xunta e que está “moi traballada” cando leva tendo esa declaración oficial dende 2014 sen que se movera un papel por parte do goberno autonómico.
“Resulta sonroxante que cos antecedentes que hai, con todo o traballo municipal e as iniciativas parlamentares presentadas polo BNG para impulsar o proxecto, agora queiran colgar a medalla e celebrar como unha conquista propia unha iniciativa que foi permanentemente desoída e agora roubada. O nivel político e de caciqueo é lamentable. O acto desta semana, ante empresariado da comarca, máis pareceu un acto de campaña electoral e de propaganda que realmente o impulso dunha iniciativa que debía ser técnica ”, sentenza a portavoz do Bloque.
Caldas destaca que Poio leva perdido moito tempo para consolidarse como un polo de referencia en canto a terreo industrial. Subliña que dende que se empezou a falar do polígono en Fraga Moreira, a finais dos anos 2000, moitas empresas tiñan a súa vista posta no enclave, situado estratexicamente e con boa conectividade en canto a infraestruturas. “Sen embargo, todas as firmas interesadas foron marchando cara outros parques e polígonos. Fraga Moreira deixou de estar nas quinielas e claramente non se puido conter a sangría porque a Xunta quería desgastar ao entón goberno local. Pero non só se prexudicou ao goberno, senón a toda a cidadanía de Poio”, subliña a voceira do Bloque.
Con todo, a responsable nacionalista instou tanto á Xunta como ao goberno local a cumprir os prazos dados esta para levar adiante o proxecto, crear unha contorna propicia para as empresas, fomentar a inversión e asegurar que o parque sexa unha realidade que beneficie a todas e todos os veciños canto antes con xeración de emprego e oportunidades. “Non se pode perder máis tempo”, finaliza Caldas.
Por outra banda, o Bloque esixe á Xunta que, como mínimo, pague as expropiacións ao prezo que solicitaba Ángel Moldes cando exercía como voceiro da plataforma de persoas afectadas polo polígono máis o IPC acumulado durante todos os anos de atraso.