HomePontevedraSoutomaior conmemora o 150 aniversario de María Vinyals cun congreso adicado a...

Soutomaior conmemora o 150 aniversario de María Vinyals cun congreso adicado a súa figura

- Anuncio -spot_img

O 25 de outubro o Multiúsos acollerá este congreso internacional. Unha xornada que vai supoñer un antes e un despois no coñecemento e na investigación sobre esta muller pioneira no mundo das artes, das letras e do feminismo galego.

Soutomaior continúa cos actos de conmemoración dos 150 anos do nacemento de María Vinyals, unha das súas veciñas máis ilustres, escritora, feminista, pintora e xornalista, nacida o 14 de agosto de 1875 no castelo de Soutomaior. Co obxectivo de difundir a vida e a obra de Vinyals, coñecida como ‘Marquesa Vermella’ polo seu activismo social, a Concellería de Cultura ten previsto toda unha serie de actividades que comezaron o pasado 14 de agosto e que se van desenvolver ata o próximo 14 de agosto de 2026. O congreso internacional do próximo 25 de outubro será o acto central deste programa.

Un congreso que traerá ao Multiúsos de Arcade aos máximos especialistas nacionais e internacionais sobre María Vinyals e que suporá unha oportunidade única para descubrir ou para coñecer máis sobre a traxectoria vital e intelectual dunha muller polifacética que rompeu moldes. A xornada leva por título “María Vinyals. Unha aristócrata que desafiou ao seu tempo” e está pensada para todo tipo de público interesado. Así mesmo, conta coa homologación provisional como actividade de formación permanente do profesorado por parte da Consellería de Educación.

Tal e como dixo a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, “trátase dunha xornada que vai supoñer un punto de inflexión nos estudos sobre María Vinyals. Unha oportunidade única para aprender e compartir sobre unha das figuras máis interesantes e aínda descoñecidas da nosa historia, da man das persoas que máis saben dela”.

A xornada terá lugar o próximo sábado 25 de outubro durante todo o día no Multiúsos de Arcade, en horario de 10:00 a 20:00h, cun descanso para o xantar de 14:00 a 16:00h. As inscricións, de balde, ábrense mañá, xoves 9 de outubro, en www.soutomaior.gal

Ao longo desta xornada pasarán polo Multiúsos: Aurora Marco, catedrática xubilada da Universidade de Santiago especializada en historia das mulleres; M.ª Ángela Comesaña, directora de comunicación e publicacións no Museo de Pontevedra, onde catalogou os fondos sobre María Vinyals; Ricardo L. Hernández, profesor xubilado da Universidade de la Habana, investigador da etapa que María Vinyals viviu en Cuba; Pablo Ramírez, bibliotecario na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e investigador da figura do marqués de la Vega de Armijo, tío de María Vinyals; Diego Piay, profesor asociado na Universidade de Oviedo, arqueólogo e historiador, experto na figura de María Vinyals; Luís Fariña, xefe de Uroloxía no Hospital Povisa de Vigo, especialista no doutor Enrique Lluria, segundo marido de María Vinyals; Miguel García-Fernández, técnico no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e especialista en historia social das mulleres; Ricardo Pichel, profesor axudante doutor na UNED, especialista en patrimonio documental e Humanidade dixitais; e Silvia Cernadas, investigadora especializada na historia do castelo de Soutomaior e os seus moradores.

A xornada tamén inclúe unha mostra de materiais e documentos sobre María Vinyals a cargo do coleccionista José Luis López Carregal e a posta en escea da obra de teatro “Catro pezas para un Castelo” de Andrea Castro, a cargo da Escola Municipal de Teatro para persoas adultas.

Un congreso que se enmarca dentro dos actos de conmemoración do nacemento de María Vinyals. A efeméride celebrouse o pasado 14 de agosto cun obradoiro de fotografía e un concerto recital, este ano tamén viu a luz o libro infantil “Marquesa Vermella. Pequena biografía de María Vinyals” e, durante o 2026, sairá un selo conmemorativo en Correos, entre outras moitas accións previstas pola Concellaría de Cultura.

Publicacións Relacionadas