HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación reafirma o seu compromiso coas veciñas e veciños de Vilaboa...

A Deputación reafirma o seu compromiso coas veciñas e veciños de Vilaboa e subliña o investimento de preto de 500.000 euros realizado no novo Centro Social

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Jorge Cubela asistiu xunto co alcalde César Poza ao acto de inauguración do inmoble e salientou a previsión de mobilizar 1,4 millóns en Vilaboa en 2025 a través dos plans de investimento nos concellos

O deputado provincial Jorge Cubela asistiu este mércores á inauguración do novo Centro Social de Vilaboa, no que a Deputación de Pontevedra investiu 490.000 euros  que permitiron sufragar o 76% da actuación. Este novo equipamento acolle a partir de agora “un servizo moi necesario” co que se atende “unha demanda veciñal e unha obra estratéxica para ofrecer servizos de calidade á veciñanza, que contribuirán a mellorar a vida das familias do concello”, sinalou Cubela nun acto ao que tamén asistiu o alcalde de Vilaboa, César Poza, e no que se deron a coñecer ademais das instalacións os servizos que se ofrecerán no novo espazo.

A obra, valorada nun total de 643.268 euros, consistiu na rehabilitación do complexo de dous edificios de titularidade municipal situados no lugar do Picho, na parroquia de Vilaboa, habilitando a antiga escola unitaria para este novo uso. O proxecto contemplou a súa remodelación para equipalo con espazos deseñados para acoller actividades de interacción social como obradoiros e cursos e tamén áreas de lecer. Ademais, levou parella a construción de novos aseos, despachos, salas de estar, vestiarios e unha cociña. Un dos elementos máis transformadores desta intervención foi a unión dos dous edificios, o que supuxo conectar un pequeno volume para circular dun edificio ao outro. Así mesmo, a obra culminou coa instalación de zonas axardinadas na contorna das edificacións.

Segundo asegurou o deputado provincial, “esta actuación volve poñer de manifesto o compromiso da Deputación cos concellos e coa mellora das infraestruturas”, un compromiso “de colaboración entre dúas administracións para facer realidade obras ambiciosas que serán un revulsivo para a vida social dos concellos”. Jorge Cubela salientou outros investimentos da Deputación en Vilaboa, como a humanización da contorna da Casa do Concello (financiada no Plan Extra) ou a obra de mellora de seguridade viaria na estrada provincial EP-0101 na contorna da Igrexa de Figueirido, e lembrou que a previsión é mobilizar este ano en Vilaboa preto de 1,4 millóns de euros soamente a través dos plans de investimento nos concellos. “A vontade deste goberno provincial é seguir transformando e modernizando o espazo público para mellorar os servizos á veciñanza”, concluíu o deputado.

Publicacións Relacionadas