O mandatario provincial, acompañado pola alcalde José María Bello Maneiro, visita esta antiga mina para comprobar o inicio dunha nova fase das obras de recuperación valoradas en 900.000€ e financiadas ao 100 % con fondos do Plan Extra e o +Provincia
“Esta actuación vai a converter a Lagoa de Porto Piñeiro nun referente medioambiental e social. É un proxecto estratéxico para Valga e para a provincia, por proxectos deste calado o foco internacional ten posto os seus ollos no interior da provincia”, di López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este venres a Lagoa de Porto Piñeiro, no Concello de Valga, para comprobar o inicio dunha nova fase das obras de renaturalización e mellora deste enclave no que a Deputación colabora co goberno local cun investimento de máis de 1,42 millóns de euros a través de programas de cooperación como o PON2030, o Plan + Provincia ou o Plan Extra. Acompañado polo alcalde José María Bello Maneiro, o mandatario provincial percorreu un treito deste espazo no que se transformará un terraplén nun sistema de terrazas accesibles co obxectivo de abrir un novo acceso seguro ata a lagoa e garantir a seguridade ao reducir os riscos de desprendementos. “Esta actuación vai a converter a Lagoa de Porto Piñeiro nun referente desde o punto de vista medioambiental e social. É un proxecto estratéxico para Valga e para a provincia, por proxectos deste calado o foco internacional ten posto os seus ollos no interior da provincia”, salientou o presidente.
As obras desta nova fase da actuación son financiadas ao 100 % polo organismo provincial a través do Plan Extra, cunha achega de 700.000€; e do +Provincia para cubrir os 200.000€ correspondentes á parte do concello. Os traballos céntranse agora na transformación dun terraplén nun sistema de terrazas accesibles que facilitará o acceso á lagoa e reducirá os riscos de desprendementos, na creación de novos accesos e a súa integración cos servizos urbanos e na adecuación de toda a contorna. De xeito paralelo, a Deputación colabora tamén co Concello na financiación, cunha achega de 520.000 euros ao abeiro do PON2030, a construción dunha senda peonil e ciclista na zona norte e oeste da lagoa. Neste sentido, o rexedor sinalou que o proxecto completo de recuperación deste espazo está valorado nun total de 14 millóns de euros que se irán executando por fases e para o que é imprescindible a colaboración doutras institucións como a Deputación. “Agradecemos ao presidente que estea aquí, pero tamén a achega mediante convenios destes fondos do Plan Extra e o +Provincia”, declarou o alcalde.
Neste sentido, o presidente Luis López puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións para executar proxectos tan complexos e transformadores como o que se está a executar nesta antiga mina de Porto Piñeiro e salientou que a Deputación seguirá poñendo recursos a disposición dos concellos a través de plans como o segundo Plan Extra, que vén de publicar este mesmo venres as súas bases. “Este é un proxecto serio, estratéxico e moi ben formulado, por iso quero darlle os parabéns ao alcalde, que sempre ten moi claro os proxectos e a folla de ruta e o animo a que siga dando pasos para que sexa unha realidade canto antes porque é moi bo para a provincia”, salientou o dirixente provincial, quen lembrou que a súa primeira visita oficial como presidente da Deputación a Valga foi tamén á Lagoa de porto Piñeiro con motivo da sinatura do convenio do PON2030 co alcalde Bello Maneiro en decembro do ano 2023.
Con todo, a colaboración entre a Deputación e o Concello de Valga non se limita unicamente ao proxecto de renaturalización desta lagoa, a través de plans como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o Plan Extra, a Deputación mobiliza este ano no Concello de Valga máis de 1,4 millóns de euros.