O goberno provincial retira o recurso de casación presentado no Tribunal Supremo para poñer o punto e final a un longo conflito sobre a titularidade dos terreos que ningún outro executivo da Deputación fora quen de solucionar
O convenio inclúe un canon anual de 84.614 euros para a cesión dunha parcela que manterá o seu carácter público e os seus usos educativo, asistencial, cultural e deportivo
“Nesta Deputación non facemos máis que tender pontes, neste caso cos comuneiros de Mourente cun acordo que beneficia a todos. É un día de ledicia. Foi un acordo complexo pero sempre houbo lealdade de todas as partes, sen ela non sería posible”, subliña Domínguez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez asinan un acordo crucial co presidente da Comunidade de Montes de Mourente de Pontevedra, Carlos Morgade, para a cesión dos terreos nos que se asenta a Cidade Infantil Príncipe Felipe. O acordo, asinado no Pazo provincial, pon fin a unha batalla xudicial que ningún goberno da Deputación foi quen de solucionar ata agora, cun convenio para a cesión indefinida dunha parcela de case 110.000 metros cadrados a cambio dun canon de 84.614 euros que o organismo provincial aboará cada ano á Comunidade de Montes de Mourente. “Nesta Deputación non facemos máis que tender pontes, neste caso cos comuneiros de Mourente cun acordo que beneficia a todos”, afirma o vicepresidente Rafa Domínguez, encargado de dirixir as negociacións coa instrución, segundo indicou o propio dirixente, do presidente Luis López de acadar un entendemento.
A través deste convenio, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes asinan a cesión da parcela na que se asenta a Cidade Infantil Príncipe Felipe, de titularidade provincial. Con este acordo, a Deputación comprométese a destinar esta parcela a usos educativos, culturais, asistenciais ou deportivos de carácter público. A cambio dun canon anual de 86.614 euros, a Deputación terá tamén a capacidade de realizar todas as obras que estime pertinentes sobre a parcela.
“Foi un acordo complexo e difícil pero sempre houbo lealdade de todas as partes, sen ela non sería posible”, salientou o vicepresidente. Nun sentido semellante pronunciouse o presidente dos comuneiros, Carlos Morgade, para “agradecer a sensibilidade da corporación provincial, especialmente a Rafa Domínguez que foi o auténtico impulsor desde acordo”.
Como mostra do compromiso e da lealdade da Deputación con este entendemento cos comuneiros, o goberno provincial decidiu retirar o recurso de casación que tiña interposto no Tribunal Supremo contra a decisión do Xulgado de Primeira Instancia de Pontevedra e posteriormente a Audiencia provincial de recoñecer á Comunidade de Montes de Mourente como titular da parcela de Príncipe Felipe. “Cando a Deputación de Luis López chega a acordos, os cumpre. Por iso retiramos o recurso de casación”, explicou Domínguez.
“Sempre tivemos a idea de que eran compatibles os nosos dereitos sobre o terreo coas instalacións que levan funcionando desde hai anos e que son unha obra social importante”, recoñeceu o portavoz dos comuneiros. Unha postura que é compartida polo goberno que preside Luis López, que seguirá adiante co seu proxecto de mellora constante de Príncipe Felipe, onde nestes dous anos leva investidos máis de 3,2M€ e no que está previsto novos investimentos futuros valorados nuns 3M€ en proxectos de mellora da eficiencia enerxética.