HomeXunta de GaliciaRueda mantén un encontro co embaixador británico centrado no impulso e as...

Rueda mantén un encontro co embaixador británico centrado no impulso e as relacións comerciais

- Anuncio -spot_img
  • O presidente da Xunta trasládalle a Alex Ellis cuestións de interese para o tecido empresarial galego, que de xaneiro a xullo exportou ao Reino Unido un 10,7 % máis que no mesmo período do ano anterior
  • Convida ao embaixador a visitar Galicia no próximo Xacobeo 2027, no que a Administración autonómica xa está a traballar
  • O turismo británico aumenta na comunidade, con 72.000 viaxeiros aloxados ata agosto, un 16% máis que nos oito primeiros meses de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo onte, no marco do Foro La Toja que se celebra no Grove, un encontro co embaixador do Reino Unido en España, Alex Ellis, centrado en eidos como o impulso ao turismo, as relacións comerciais e os intereses para o sector pesqueiro galego nese país.

Tal e como se puxo de relevo na xuntanza, pese aos desafíos do Brexit as empresas galegas, co apoio da Xunta, reforzaron a súa estratexia de internacionalización e mantiveron a súa competitividade neste mercado estratéxico. Así, de xaneiro a xullo de 2025, Galicia exportou ao Reino Unido un 10,7 % máis que no mesmo período do ano anterior.

O mercado británico presenta oportunidades especialmente para empresas de sectores como a automoción e compoñentes; agroalimentario e bebidas; moda e téxtil; naval e bens de equipo; así como enerxías renovables e transición verde e biotecnoloxía e saúde. Na reunión tamén se puxo de relevo a importancia dos caladoiros británicos para a frota pesqueira galega.

Durante a xuntanza, o presidente autonómico convidou ao embaixador a visitar a comunidade no próximo Xacobeo 2027, no que a Administración autonómica xa está a traballar, e puxo en valor a Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que prevé un investimento superior a 1.000 M€ para consolidar un modelo turístico sostible e diversificado.

Precisamente, o mercado británico é, dentro dos internacionais, o que mellor comportamento está a ter neste ano 2025, cando menos ata o mes de agosto e no referido ao segmento hoteleiro. Así, rexistráronse no conxunto dos hoteis e pensións de Galicia un total de 72.000 viaxeiros británicos aloxados e 123 mil noites, o que supón un incremento do 16% en viaxeiros e do 20% e noites, en relación ao mesmo período do ano pasado.

Co 6,5% do mercado internacional, o turismo británico está a aumentar en Galicia. En canto ao Camiño de Santiago, máis de 12.000 peregrinos do Reino Unido xa o percorreron no que vai de ano (un 7 % máis que en 2024).

Publicacións Relacionadas