- Un grupo de rapaces de centros educativos do municipio celebran o Día das Aves presenciando a solta de tres paxaros que foron curados
- Ángeles Vázquez destaca o esforzo do persoal para rescatar e coidar da fauna silvestre
A rede de Centros de Recuperación de Fauna silvestre de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, levan atendidos máis de 2.900 exemplares de aves no que vai de ano. As catro instalacións da Xunta dedicadas ao coidado e atención de animais conseguiron axudar xa a preto do 46 por cento das aves asistidas na comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e outras autoridades, visitou hoxe o Centro de Recuperación de Fauna de Carballedo, na provincia de Pontevedra. Asemade, con motivo do Día das Aves 2025, un grupo de rapaces de centros educativos do municipio recibiron información divulgativa e presenciaron a solta de tres exemplares aviares – unha femia xuvenil de azor e dous miñatos-.
Ángeles Vázquez indicou que a liberación destes paxaros silvestres demostra o compromiso coa protección da biodiversidade galega e co traballo constante dos centros especializados na recuperación de especies. En boa parte dos casos, as aves que chegan a estes equipamentos da Xunta son coidadas durante meses, incluso por períodos superiores ao ano, se por exemplo, necesitan reprender a voar.
No marco desta visita, a responsable autonómica quixo poñer en valor o labor dos profesionais que, día a día, suman esforzos para rescatar animais que aparecen feridos ou desorientados, e para atendelos co obxectivo de brindarlles unha segunda oportunidade.
Galicia dispón de catro Centros de Recuperación de Fauna Silvestre, un en cada provincia. Estas instalacións, a través do seu persoal especializado, encárganse do coidado e da recuperación dos animais, entre eles aves, que non están en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural e, unha vez recuperados, son reintegrados aos seus habitas.
Entre xaneiro e setembro, ingresaron nos catro centros galegos de recuperación de fauna un total de 2.914 exemplares de aves, dos cales 986 foron devoltos ao seu medio natural, e 347 atópanse en proceso de recuperación, o que representa aproximadamente o 45,7 % do total.
A día de hoxe, do total de aves que permanecen en proceso de recuperación nos diferentes centros, a maioría están no centro de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña), cun total de 202 aves; séguelle o de Carballedo-Cotobade (Pontevedra), con 121, e os centros do Veral (Lugo) e do Alto do Rodicio (Ourense), que albergan 12 aves cada un.