HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación iluminará de verde o Pazo provincial a noite deste domingo...

A Deputación iluminará de verde o Pazo provincial a noite deste domingo co gallo do Día Mundial contra a Meninxite

- Anuncio -spot_img

A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas pola Asociación Española contra a Meninxite no conxunto de España

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo provincial durante a noite deste domingo 5 de outubro, desde as 20:30 horas ata as 7:30 horas do luns 6, co gallo do Día Mundial contra a Meninxite que se conmemora este mesmo domingo. Deste xeito, a institución únese ás iniciativas promovidas pola Asociación Española contra a Meninxite como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza e mais cos seus achegados.

Desde 1996 contabilízanse en España arredor de 19.000 casos de meninxite meningocócica (a derivada dunha das tres bacterias que causan esta enfermidade). As cifras ascenden a máis de medio millón en todo o mundo, con preto de 250 casos detectados en España desde o ano 2020. Segundo datos do pasado ano, Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis incidencia de novos diagnósticos. Estímase que a meninxite supón un gasto duns 11.500 euros anuais para facer fronte ás súas secuelas, que chegan a ser físicas (amputacións ou cicatrices) en máis da metade dos pacientes, complicando a súa inserción no mercado laboral segundo unha enquisa elaborada pola Asociación Española contra a Meninxite.

A Deputación súmase a esta acción co obxectivo de concienciar e dar visibilidade a esta enfermidade e ao labor do colectivo, a única entidade sen ánimo de lucro que loita por derrotar a meninxite en España para protexer a poboación das consecuencias da enfermidade e concienciar sobre o uso de vacinas para a súa prevención.

Publicacións Relacionadas