O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor este sábado os “milleiros de nomes” do litoral galego durante a inauguración da X Xornada de Onomástica Galega celebrada no Museo de Pontevedra, organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da institución provincial. A actual edición está centrada nos nomes do mar, a coñecida como talasonimia, que o vicepresidente cualificou de “tesouro patrimonial dentro da nosa lingua” ao estar centrada “nun ingrediente elemental da nosa identidade como pobo, o mar, un dos nosos grandes medios de vida e protagonista de moitos episodios que marcaron a nosa historia colectiva”.
Rafa Domínguez lembrou que a Deputación e a RAG xa colaboraron anteriormente para poñer en valor a orixe dos topónimos da provincia, non só a través desta xornada que se leva celebrando desde fai unha década, senón con outras iniciativas como a serie “Os nomes da miña terra”, para a que se gravaron catro episodios centrados na Serra do Cando, Rodeiro, Baiona e a talasonimia da Illa de Arousa. “Beiradas, cabezos, cantís, cons, eiriñas, portos e portiños, puntais, regos, secos, serróns ou toudais forman parte do noso vocabulario, a nosa paisaxe e o noso día a día, e axúdannos a descubrir as nosas peculiaridades ao longo da historia”, sinalou o vicepresidente da Deputación.