As persoas interesadas poden inscribirse a través da web oia.ocaminosostible.gal, acudindo ao Concello ou no teléfono 647 521 464
Co obxectivo de continuar avanzando cara a un modelo de xestión do lixo máis sostible, o Concello de Oia pon en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica dirixida ás persoas que dispoñan dun pequeno terreo. A iniciativa inclúe a entrega gratuíta de composteiros e formación práctica, así como un servizo de asesoramento e seguimento durante todo o ano 2025.
As persoas interesadas en apuntarse nesta campaña e solicitar os materiais poden facelo na web oia.ocaminosostible.gal, onde tamén poden consultar información sobre os servizos municipais de xestión de residuos. As inscricións tamén poden facerse de xeito presencial no Concello ou a través do teléfono 647 521 464.
As datas clave da nova campaña de compostaxe anunciaranse nas redes sociais municipais. Ademais, as persoas rexistradas recibirán unha chamada telefónica para confirmar a súa participación nas xornadas de formación e entrega de material.
A metade do lixo que se xera nos fogares está formado por materia orgánica. A súa correcta xestión resulta decisiva tanto para protexer o medio ambiente como para reducir os custos asociados ao tratamento dos residuos. Nese sentido, a alcaldesa, Cristina Correa, lembra que o Concello leva anos apostando pola promoción da compostaxe doméstica a través do desenvolvemento de programas municipais que inclúen información, entrega de material e asesoramento á veciñanza.
Esta nova campaña conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.