HomeO MorrazoMarínO BNG esixe medidas ante a praga de pulgas e a falta...

O BNG esixe medidas ante a praga de pulgas e a falta de control das colonias felinas

- Anuncio -spot_img

Celia García reclama ao goberno local que actúe de inmediato ante a praga de pulgas orixinada polas colonias felinas, que está a causar picaduras entre o alumnado da Inmaculada e a afectar a outras áreas da vila, esixindo medidas de desinsectación e control efectivo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou, no pasado pleno celebrado o 9 de outubro, a aparición dunha praga de pulgas nas inmediacións do Colexio da Inmaculada, que está a afectar ao alumnado e á veciñanza da zona. Segundo testemuños recollidos pola veciñanza, a orixe está na colonia de gatos existente no solar de Méndez Núñez, o que pon de manifesto a falla de control e mantemento por parte do Concello.

A concelleira Celia García reclamou ao goberno local que actúe de inmediato, realizando tarefas de desinsectación e limpeza, así como medidas de control sanitario e xestión das colonias felinas para evitar que o problema se agrave e se estenda a outras áreas próximas. A situación está a causar picaduras entre o alumnado, o que demostra a urxencia de actuar e adoptar medidas de control efectivas. García alertou publicamente desta situación de insalubridade, lembrando que a súa xestión é competencia directa dos concellos segundo a Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia.

 “Non se pode mirar para outro lado mentres o alumnado e as familias padecen as consecuencias da deixadez municipal. É unha cuestión de saúde pública e de responsabilidade institucional”, advertiu Celia García.

A edil nacionalista lembra tamén que o BNG xa presentara en setembro do 2024 unha proposta na comisión de Medio Ambiente para que o Concello solicitase as axudas autonómicas e aplicase o método C.E.S. (Captura, Esterilización e Soltura), recoñecido como o sistema máis eficaz e ético para o control das colonias felinas. Porén, a presidenta da comisión, a concelleira do Partido Popular (PP) Marián Sanmartín, rexeitou a iniciativa argumentando que “se unha colonia é alimentada pola veciñanza, deixa de considerarse como animais abandonados”.

 “Esa escusa non ten fundamento e só serve para evitar actuar. A inacción do goberno do PP está a provocar un problema de insalubridade e molestias crecente en distintos puntos de Marín”, concluíu García.

O BNG reafirma o seu compromiso coa saúde pública, o benestar animal e a transparencia na xestión municipal, e insta ao Concello a actuar de maneira inmediata para garantir condicións hixiénicas axeitadas e a seguridade da veciñanza.

Publicacións Relacionadas