HomePontevedraCaldasRemata a formación en creación de empresas do obradoiro de emprego xóvenes...

Remata a formación en creación de empresas do obradoiro de emprego xóvenes Moraña-Portas-Valga

- Anuncio -spot_img

Esta formación complementaria por espazo de 20 horas foi impartida por un técnico da empresa Gadepro e está dirixida a fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado participante.

Os 16 alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Xóvenes Moraña-Portas-Valga, pertencente a estes tres concellos, veñen de finalizar unha acción formativa complementaria en creación de empresas, cunha duración total de 20 horas. Esta formación foi impartida por un técnico da empresa Gadepro e está dirixida a fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado participante.

O grupo está composto por oito alumnos da especialidade de albanelería e oito da especialidade forestal, que durante o desenvolvemento do obradoiro recibiron esta formación complementaria orientada a reforzar as súas competencias profesionais.

Ao longo das sesións abordáronse contidos relacionados cos equipos emprendedores, as ideas e proxectos empresariais, o autoemprego e a cultura emprendedora. O obxectivo é capacitar o alumnado para liderar a xestión operativa de calquera negocio mediante a planificación empresarial, o marketing e a identificación de fontes de financiamento que garantan a viabilidade dos proxectos.

Esta formación está especialmente dirixida a apoiar aquelas persoas participantes que teñan inquietude e ambición emprendedora, ofrecéndolles ferramentas e coñecementos prácticos para impulsar as súas propias iniciativas empresariais.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes Moraña-Portas-Valga ten como finalidade principal mellorar a empregabilidade dos seus participantes, tanto por conta allea como por conta propia. Neste sentido, o equipo directivo do obradoiro elaborou os currículos do alumnado e ofreceu acompañamento personalizado para a súa inserción laboral.

Desde o mes de xullo, un dos alumnos da especialidade forestal xa se incorporou ao mercado laboral, tras causar baixa por colocación nunha empresa de Valga.

O obradoiro, dirixido por Mª del Carmen Vidal Paz, iniciou a súa actividade o 14 de novembro de 2024 e tivo unha duración de 12 meses. Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Publicacións Relacionadas