HomeVigoMosO proxecto Galicia Sports 360 recibe o informe favorable de AESA e...

O proxecto Galicia Sports 360 recibe o informe favorable de AESA e continúa avanzando en Mos

- Anuncio -spot_img

O Proxecto de Interese Autonómico Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta de Vigo, SAD, acaba de recibir o informe favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), requisito imprescindible para avanzar na tramitación e execución das obras previstas no municipio de Mos.

Este visto e prace permite dar continuidade á licenza de explanación correspondente á fase 1 do proxecto, aprobada pola Xunta de Goberno Local do Concello de Mos.

AESA autorizou os traballos ao constatar que as actuacións proxectadas son compatibles coas servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo, ámbito no que se sitúa parte do solo afectado polo PIA Galicia Sports 360.

Un paso clave para a consolidación do complexo deportivo

A actuación abrangue traballos de movemento de terras e muros de contención sobre máis de 100.000 metros cadrados, destinados a conformar as plataformas onde se levantarán as futuras instalacións deportivas e de servizo.

O investimento previsto ascende a 2.067.760,71 euros (IVE incluído) e o prazo de execución estimado é de seis meses.

O proxecto conta con estudos xeotécnicos, de seguridade e saúde, e co informe favorable do arquitecto municipal.

Mos, enclave estratéxico do deporte galego

Con esta nova autorización, o proxecto Galicia Sports 360 continúa avanzando con paso firme, consolidando a Mos como referente deportivo e económico de Galicia.

O Concello de Mos destaca que este avance reforza o compromiso do municipio coa modernización, a creación de emprego cualificado e o impulso á economía local.

“Cada novo permiso e cada informe favorable son un paso máis cara a un proxecto que situará a Mos no corazón do deporte galego e nacional”, salientou a alcaldesa Nidia Arévalo. “Seguimos traballando da man do Real Club Celta e da Xunta de Galicia para que Galicia Sports 360 sexa unha realidade e un orgullo compartido”, conclúe.

Publicacións Relacionadas