O Concello de Muxía está a executar nestas semanas a obra da nova depuradora de Quintáns, un proxecto moi agardado pola veciñanza que permitirá mellorar e ampliar o servizo de saneamento nesta parroquia.
A actuación foi adxudicada á empresa Aquablue Sistemas Constructivos S.L. por un importe de 131.501,52 euros, e está incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) do ano 2022 da Deputación da Coruña.
Este proxecto permanecera bloqueado durante anos, mais o actual equipo de goberno conseguiu desbloquealo e poñelo en marcha. Ademais, procedeuse á modificación do proxecto inicial para cambiar a ubicación da depuradora, o que permitirá dar servizo a un maior número de veciños e veciñas que antes quedaban fóra da rede de saneamento.
“Era unha obra necesaria e xusta para Quintáns, que levaba demasiado tempo pendente. O noso obxectivo é seguir avanzando para que todas as parroquias conten con infraestruturas axeitadas e servizos de calidade”, destacou o alcalde de Muxía, Javier Sar, que “ao longo destas semanas estivemos visitando a zona para comprobar o avance dos traballos, que marchan a bo ritmo e que permitirán mellorar a calidade de vida de moitos veciños”.
O Concello de Muxía continúa así coa súa aposta por mellorar as infraestruturas básicas e o medio ambiente, impulsando proxectos de depuración e saneamento en todo o municipio.