HomeVigoMosMarta Larralde será a pregoeira da 25ª Festa do Codillo de Mos

Marta Larralde será a pregoeira da 25ª Festa do Codillo de Mos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos presentou esta mañá a 25ª edición da Festa do Codillo, organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. Trátase dunha das citas máis queridas e consolidadas do calendario cultural e gastronómico do municipio, símbolo da unión veciñal e do orgullo de parroquia, e na que se estima que se repartirán unhas 3.000 racións deste exquisito prato a un prezo de 15 euros (12 euros no caso de que sexa para levar).

No acto de presentación a alcaldesa de Mos estivo acompañada pola concelleira de Cultura Sara Cebreiro e por Lisardo Conde, presidente do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.

A festa desenvolverase os días 18 e 19 de outubro cun amplo programa no que se mesturan gastronomía, música tradicional, artesanía e convivencia. O sábado celebrase o magosto popular, o XX Concurso Serra de Troncos e a actuación do grupo folk mosense A Vacaloura Vermella, que presentará o seu novo disco.

O domingo 19 será o día grande coa degustación do codillo e o pregón a cargo da actriz viguesa Marta Larralde, unha das protagonistas da película “Rondallas”, recentemente presentada no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

En dito festival, unha representación da Rondalla de Santa Eulalia de Mos formou parte da delegación que acompañou a estrea do filme, xa que varios dos seus compoñentes foron algún dos rondalleiros que participaron na rodaxe da película. A súa presenza supuxo un momento histórico e un motivo de profundo orgullo para Mos, que viu representadas nun dos festivais máis prestixiosos do país as súas tradicións e o seu talento local.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, salientou “a importancia desta coincidencia: unha festa que celebra 25 anos de historia e unha rondalla que leva o nome de Mos ata o Festival de San Sebastián”. Engadiu ademais que “a participación de Marta Larralde é un luxo e un símbolo de conexión entre a cultura popular e o talento artístico galego”.

A xornada completarase co XX Mercado de Artesanía, as actuacións da banda de gaitas Airiños do Castelo e o tradicional sorteo de premios pola tarde.

Este evento conta coa colaboración do Concello de Mos, a Comunidade de Montes de Mos, a Fundación Pazo de Mos, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Gadis e Froiz.

Publicacións Relacionadas