O alcalde, Ricardo Martínez, destacou o papel fundamental das persoas maiores como “exemplo de esforzo, compromiso e orgullo de pertenza a Portas”
Máis de 350 persoas participaron este domingo na 32ª edición do Xantar da Terceira Idade organizado polo Concello de Portas, que se celebrou no pavillón municipal de deportes da Rapeira. O encontro contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez; o de Campo Lameiro, Carlos Costa; el de Moraña, Sito Gómez; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, así como de membros da Corporación Municipal de Campo Lameiro, Meis e Portas, entres o tenente de alcalde Alfonso Vázquez e as concelleiras Chus Fontán e Ana Peña.
A xornada comezou arredor das 12:30 horas coa actuación da Banda de Música de Lantaño, que amenizou a chegada dos asistentes antes da tradicional misa de campaña, oficiada polo párroco don Luís. Durante a homilía, o sacerdote fixo referencia á Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, e ao Día da Hispanidade, destacando os valores de convivencia e fraternidade.
Tras a misa, a Banda de Música de Lantaño ofreceu un concerto previo ao xantar, mentres o pavillón municipal —decorado especialmente para a ocasión polas concelleiras Fontán e Peña— acollía aos comensais nun ambiente festivo e de reencontro.
O tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, abriu o acto institucional dando a benvida e presentando ás autoridades convidadas. O xerente do Consorcio Galego, Perfecto Rodríguez, trasladou aos presentes un saúdo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, felicitando ao Concello pola continuidade dun evento “que representa un merecido recoñecemento ás persoas maiores, ao seu traballo e ao seu legado humano e social”.
O alcalde Ricardo Martínez pechou as intervencións oficiais agradecendo o traballo de todas as persoas implicadas na organización, “especialmente das concelleiras Chus Fontán e Ana Peña, que se volcaron na preparación e decoración do evento, e dos membros de Protección Civil de Portas, cuxa colaboración é sempre exemplar”.
O rexedor destacou tamén a alta participación e o espírito de convivencia que caracterizou a xornada dicindo que “este Xantar é unha das citas máis queridas do noso calendario municipal, un espazo para compartir, recordar e celebrar todo o que significan os nosos maiores. Sodes o corazón de Portas, o exemplo da cultura do esforzo e do sacrificio, e grazas a vós seguimos avanzando con orgullo e esperanza cara o futuro”, sinalou Martínez.
Durante o xantar, no que os asistentes colaboraron cun prezo simbólico de 10 euros, houbo sorteos de cestas con produtos galegos de calidade, unha gran queimada elaborada por Ramón e animación musical a cargo dun grupo musical.
O evento concluíu cun ambiente de alegría, compañeirismo e agradecemento, reafirmando o compromiso do Concello de Portas co benestar, o respecto e o recoñecemento das persoas maiores do municipio.