HomePontevedraDezaA XGN Intermax AI Edition pecha unha edición especial na que se...

A XGN Intermax AI Edition pecha unha edición especial na que se reforza e abre as portas a unha futura feira de intelixencia artificial

- Anuncio -spot_img
  • Con 867 inscritos, un 8,3% máis que o ano pasado, e un programa conformado por setenta propostas, un 40% máis, esta cita afiánzase como espazo para o intercambio de coñecementos e a formación en diversos ámbitos da informática e as novas tecnoloxías
  • Hoxe, este evento estivo protagonizado pola entrega de galardóns das súas competicións de arte dixital, modding, setups, programación de robots, ciberseguridade e videoxogos, nas que se repartiron algo máis 6.000 euros en premios
  • A cita, que ha tivo lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contou co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial da empresa Intermax Technology. Así mesmo, nesta edición o provedor galego Raiola Netwoks sumouse ao evento cun sponsor e o Clúster TIC Galicia patrocinou o programa de conferencias.

A maior lanparty galega pon punto e final á súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal se celebrou desde o pasado venres no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Unha cita que reuniu finalmente nos dous pavillóns principais do recinto, de 10.000 metros cadrados cada un, a 867 profesionais e afeccionados á informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico, un 8,3% máis que na pasada edición. Inscritos que puideron desfrutar dunha atractiva proposta e unha velocidade de conexión de ata 40Gbps nunhas instalacións amplas e confortables.

Todo eles tiveron a oportunidade de participar en setenta actividades distintas, un 40% máis que o ano pasado, entre as cales se levaron a cabo desde conferencias e talleres ata competicións e xogos do máis diverso. Dentro destas propostas incluíanse numerosas competicións centradas en arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización do espazo individual dos participantes), programación de robots e ciberseguridade. Destes concursos realizouse hoxe a entrega de galardóns, repartindo algo máis de 6.000 euros en premios.

Un acto que pechou o programa de actividades desta edición especial, a cal contou de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta tecnolóxica galega, que se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes puideron navegar a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre que antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Networks sumouse ao evento cun patrocinador e o Cúster TIC Galicia patrocinou o programa de conferencias.

Un microuniverso con carácter formativo e experiencial

Un ano máis este evento converteuse nun microuniverso das novas tecnoloxías, no que ademais da vertente lúdica ten un papel esencial o carácter formativo, experiencial e de intercambio de coñecementos en diversos ámbitos da informática e as novas tecnoloxías.

Proba diso, como vén sendo habitual nas últimas edicións, foi o perfil dos participantes, que, cunha idade media de 32 anos (un máis que o ano pasado) e procedentes de dez comunidades autónomas, correspondéronse moitos deles con enxeñeiros que traballan en empresas tecnolóxicas punteiras, expertos en informática e novas tecnoloxías ou profesionais entusiastas das tic.

Antesala dunha futura feira de IA

Esta edición da XGN Intermax destacou polo seu crecemento tanto en número de inscritos como de actividades, ademais de pola calidade do programa e os expertos participantes, a boa conectividade en todo momento e a excelente resposta dos asistentes, os cales se interesaron tanto por formarse nas conferencias e talleres como por mostrar o seu talento nas diversas competicións.

Uns resultados que a organización valora moi positivamente, xa que reforzan o evento como espazo para o intercambio de coñecementos e a formación en diversos ámbitos da informática e as novas tecnoloxías.

Todo iso, nunha edición especial na que o protagonismo que tivo a intelixencia artificial foi moi ben acollido e que, por iso, abre as portas a unha futura feira de intelixencia artificial. Un proxecto que a Feira Internacional de Galicia ABANCA ten intención de comezar a deseñar proximamente.

Publicacións Relacionadas