- Coincidindo coa celebración do Día da Hispanidade, a artista ofreceu un concerto a pasada noite no centro cultural Palacio Libertad dirixido tanto á colectividade galega residente no país como ao público arxentino
- A iniciativa ‘Saborea Galicia Calidade’ celebrouse aproveitando a visibilidade que outorga á comunidade a súa condición de convidada de honra pola Embaixada de España no país con motivo da celebración do 12 de outubro
- Ademais, antes da actuación, Luz Casal foi recoñecida pola Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires
- Este concerto sumouse ao ofrecido por Baiuca o pasado día 10 e á programación de catas celebradas o pasado xoves no hotel Grand Brizo da man do chef Manolo Costiña
- Con estas accións, o Goberno galego busca reforzar a presenza de Galicia no exterior, abrir novas vías de colaboración económica e cultural e consolidar a imaxe da comunidade como un territorio aberto, innovador e competitivo no ámbito global
O programa Saborea Galicia Calidade é unha proposta pioneira de difusión no exterior do bo facer da cociña galega, dirixida principalmente a profesionais e medios especializados. A oferta completouse cunha programación artística que levou ata A Arxentina —un dos principais escenarios da diáspora galega— a creación musical galega contemporánea.
No caso de Luz Casal, unha das voces máis recoñecidas e internacionais de Galicia e de España, o concerto tivo lugar no centro cultural Palacio Libertad, ante preto de 2.000 persoas da colectividade galega e do público arxentino e ao que tamén asistiron o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro. A cantante interpretou algúns dos grandes temas da súa traxectoria e presentou tamén composicións recentes. Ademais, antes da actuación, foi recoñecida pola Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires.
A súa actuación sumouse á de Baiuca, que subiu ao escenario o pasado día 10 en Groove, levando a súa proposta de fusión entre a tradición galega e a música electrónica. As actividades incluíron tamén dous pases de cata celebrados o pasado xoves no hotel Gran Brizo, dirixidos polo chef Manolo Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña). Estas sesións, orientadas a público profesional, contribuíron á proxección internacional da excelencia da cociña galega e da marca Artesanía de Galicia.
Galicia, convidada de honra da Embaixada de España
Os concertos e demais actividades enmárcanse nas accións da Xunta de Galicia para aproveitar a visibilidade que supón ser convidada de honra pola Embaixada de España na Arxentina con motivo do Día da Hispanidade.
Con esta programación cultural e culinaria, o Goberno galego busca reforzar a presenza de Galicia no exterior, abrir novas vías de colaboración económica e cultural e consolidar a imaxe da comunidade como un territorio aberto, innovador e competitivo no ámbito global.