Os alcaldes de barrio, así como as ferramentas e canles de comunicación creadas para a xestión municipal, deben de estar ao servizo dos veciños e veciñas, non do PP
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada manifesta o seu rexeitamento firme e a súa preocupación pola utilización partidista de canles e ferramentas creadas para a xestión municipal e a atención das parroquias por parte do alcalde da Estrada.
Ademais, esta práctica promove unha lectura homoxeneizadora da realidade plural dos cidadás do noso concello ao pretender naturalizar a adscrición ao PP entre a veciñanza. Presentar como “espazo de debate” actividades que son, en esencia, actos ou campañas de partido é enganoso: os congresos e xuntanzas internos non dan marxe de decisión á cidadanía nin substitúen os mecanismos formais de participación municipal.
Por todo iso, o BNG esixe ao Alcalde da Estrada as seguintes medidas inmediatas:
- Cesamento inmediato de calquera uso partidista das contas e ferramentas de comunicación municipal destinadas á xestión e á atención das parroquias.
- Restitución da autonomía das canles xestionadas polos alcaldes de barrio, garantindo que se utilicen exclusivamente con fins administrativos e informativos, sen instrucións ou contidos de carácter partidista.
- Aclaración pública e transparente sobre os contidos difundidos: indicación expresa de se empregaron recursos municipais na súa elaboración ou difusión.
- A apertura dun procedemento interno de revisión para supervisar ou uso das comunicacións institucionais, coa adopción de medidas correctoras se se acreditan irregularidades.
- A convocatoria, con carácter urxente, dunha comisión informativa municipal
- O BNG lembra que a neutralidade das institucións, a transparencia e a protección dos auténticos espazos de participación cidadá son fundamentais para a democracia local. Non admitiremos a instrumentalización das canles públicas para fins partidistas .