O goberno provincial aínda está á espera da licencia municipal para poder avanzar na recuperación do convento e reabrir o lugar para o desfrute da cidadanía pontevedresa
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación do contrato do servizo de escavación arqueolóxica do convento de Santa Clara, cun investimento que ascende a preto de 311.000 euros. Trátase da elaboración dun proxecto arqueolóxico completo que é preciso poñer en marcha para poder afrontar a rehabilitación integral do recinto histórico.
O servizo de escavación arqueolóxica que acaba de ser adxudicado polo goberno da Deputación contará con tres fases. Na primeira, a empresa contratada remitirá o proxecto de escavación arqueolóxica; na segunda executaranse os traballos e na terceira redactará e remitirá os informes así como as respectivas memorias da actuación desenvolvida.
Nestes momentos, o goberno provincial está á espera da licencia municipal para poder avanzar na recuperación de Santa Clara: un proxecto de todas as veciñas e veciños de Pontevedra para o que é preciso sumar vontades. A contratación do proxecto arqueolóxico trátase dun paso para adiante co obxectivo de que a rehabilitación de Santa Clara sexa unha realidade e que, máis pronto ca tarde, sexa posible reabrir o lugar para o desfrute da cidadanía.



