Denuncia falla de contundencia do Goberno municipal diante da “piratería” da empresa VTC, que segue operando cada día no termo urbano a pesar da denegación das licenzas
Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode ceder ante a chantaxe mafiosa de Uber nin permitir que ningunha empresa privada impoña a lei da selva na nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide inmobilizar os vehículos de Uber que seguen operando de forma ilegal en Vigo. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, denuncia falla de contundencia por parte do Goberno de Abel Caballero diante da “piratería” da empresa VTC, que segue operando cada día no termo urbano a pesar da denegación de licenzas o pasado 3 de xullo.
Dende a fronte nacionalista recollen as advertencias por parte do sector do taxi diante dun eventual reforzo de Uber con motivo do inicio da feira Conxemar. Igrexas demandou que o Goberno municipal adopte “todas as medidas necesarias” para impedir que Uber, ou outras empresas VTC sen autorización, realicen servizos urbanos. Entre elas, tal e como prevé a propia lei, reclamou bloquear estes vehículos.
“É inaceptábel que o Goberno de Caballero continúe de brazos caídos diante da actuación abertamente ilegal e da competencia desleal que representa Uber, mentres engade a presión sobre o sector do taxi forzando a retirada da xornada de descanso obrigatorio”, cuestionou o portavoz municipal.
O BNG ten constancia só da apertura de 14 expedientes sancionadores contra a empresa VTC, pero se descoñece se concluíron en sanción. Por este motivo, veñen de solicitar acceso a todos os procedementos para comprobar se o Goberno local está actuando para “meter en cintura e poñer fin á barra libre” de Uber en Vigo.
Uber segue operando en Vigo
Igrexas considerou que a empresa VTC “está ríndose” do Concello ao seguir operando “de maneira impune” cada día na cidade, como se pode comprobar na aplicación de Uber. Un feito que, criticou, está ocasionando un grave prexuízo a un servizo de transporte público regulado como o taxi para beneficio dunha gran corporación transnacional.
O portavoz nacionalista interpelou o alcalde, Abel Caballero, sobre que faría se unha empresa de buses comezase a recoller pasaxeiros nas paradas de Vitrasa ou se algún taxi se atrevese a operar sen taxímetro, ou con tarifas diferentes ás estabelecidas polo propio Concello. “A resposta parece evidente, non se ía permitir”, subliñou.
“É hora de decisións claras e de actuacións firmes”, esixiu o voceiro do Bloque, asegurando que Vigo non pode ceder ante a “chantaxe mafiosa da política de feitos consumados de Uber” nin permitir que ningunha empresa privada “impoña a lei da selva”.



