O Alfacuca Picnic celebrado esta fin de semana en Mos foi todo un éxito de participación e convivencia, reunindo a máis de 2.000 persoas ao longo de toda a xornada. Máis de 650 veciñas e veciños de todas as idades participaron nas distintas actividades programadas, que apostaban pola creatividade, a sustentabilidade e o goce do entorno natural.
Durante o día desenvolvéronse propostas moi diversas como andainas, roteiros interpretativos, obradoiros sobre o ciclo do pan, do leite ou da cultura, e tamén un contacontos en inglés que espertou un grande interese entre os máis pequenos, permitíndolles descubrir e revivir a vida no rural de antano dun xeito lúdico e participativo.
A programación completouse con actuacións musicais a cargo de Xeración M, Paco Nogueiras e Xógara, ademais dun espectáculo de maxia da man do Mago Marco e doutros espazos de encontro abertos á participación cidadá.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou “a magnífica resposta da veciñanza e o espírito de comunidade que se viviu durante todo o día”, agradecendo tamén “a implicación das persoas participantes, das entidades colaboradoras e do equipo organizador, que fixeron posible unha cita tan especial”.
Desde o Concello de Mos xa se adianta a intención de repetir o Alfacuca Picnic en vindeiras edicións, consolidando este formato como unha celebración anual da vida no rural, da creatividade local e do respecto polo medio ambiente.