A Xunta de Galicia abordou hoxe cos concellos da provincia de Pontevedra as medidas para afrontar a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectaron á comunidade este ano, así como as reformas normativas a impulsar desde o Executivo autonómico co fin de mellorar a prevención.
Ante uns 50 representantes de municipios da provincia con espazos naturais incluídos en Rede Natura, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, expuxo a posibilidade de solicitar axudas, dirixidas a entidades locais e a comunidades de montes veciñais, para restaurar infraestruturas de uso público que resultaran danadas en zonas da Rede galega de espazos protexidos e en Reservas de biosfera.
En concreto, no caso dos concellos explicou que poden optar a unha contía de ata 40.000 euros —20.000 euros por subvención, cun máximo de dúas actuacións subvencionables— grazas ás axudas convocadas polo seu departamento para apoiar ás entidades locais na restauración de elementos estruturais de sendas e rutas, infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural ou mobiliario de áreas recreativas localizadas en espazos protexidos e que resultaran danados polo lume.
Durante a reunión, que contou tamén coa participación do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, entre outros representantes da administración autonómica, a conselleira explicou que estes incentivos compleméntanse coa outra liña de axudas do seu departamento destinada a compensar aos titulares de Terreos cinexeticamente ordenados (Tecores) para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e para reparar e repoñer instalacións danadas.
Ambas ordes están incluídas no paquete de medidas aprobado pola Xunta a finais de agosto para impulsar a reconstrución das zonas afectadas polos lumes, e que inclúen, ademais, axudas para paliar danos en vivendas, explotacións agrogandeiras ou negocios. Tras lembrar que as liñas de apoio habilitadas pola Xunta non teñen límite orzamentario, Ángeles Vázquez subliñou que o prazo para solicitar estas axudas se ampliou ata o vindeiro 30 de outubro, é dicir, un mes máis do inicialmente previsto.
Grazas a esta modificación, poderán beneficiarse das achegas non só os prexudicados pola vaga de lumes do verán senón aqueles que sufriran algún dano por incendios ocorridos posteriormente. Deste xeito, a conselleira incidiu en que se busca garantir o acceso ás achegas aos afectados que tras os lumes de agosto aínda non puideron recompilar toda a documentación requirida e tamén incluír a persoas, empresas e concellos que se viran prexudicados despois desas datas.
Ademais, destacou a axilidade amosada na tramitación, incidindo en que moitas das solicitudes recibidas xa están resoltas. En concreto, 24 axudas dirixidas a paliar os danos en Tecores e 1 para reparar infraestruturas danadas polo lume en zonas da Rede galega de espazos protexidos e de Reservas de biosfera.
Melloras en prevención
A reunión serviu para trasladar tamén aos responsables municipais as modificacións anunciadas nos procedementos de autorización para actividades en Rede Natura co fin de mellorar a prevención de incendios nestas zonas. Ao respecto, a conselleira trasladou que se vai simplificar a obtención dos permisos para facer rozas e queimas controladas.
En concreto, a Xunta propón que, co correspondente permiso, se poidan facer lumes técnicos en Rede Natura entre marzo e maio. Tamén se elevarán as porcentaxes de terreo que se pode rozar nestes espazos da superficie de matogueira (que pasará do 20% ao 30%) e o máximo no que se permiten facer queimas, que subirá do 5% ao 10%.
A información facilitada durante a reunión incluíu tamén unha explicación das facilidades que se queren introducir para que, por exemplo, as parcelas forestais sen aproveitamento non necesiten ningún tipo de autorización para volver ser cultivadas; así como que as talas necesarias para regresar ao uso agrícola non precisen avaliación ambiental nin outro papelame. Asemade, está previsto que os terreos que eran de uso agrícola non pasen automaticamente a uso forestal despois de 40 anos de abandono.
Por último, os responsables da Xunta aproveitaron para coñecer de primeira man as inquedanzas dos asistentes sobre a situación derivada dos incendios que afectaron a esta provincia e resolver dúbidas relacionadas con outras cuestións.