O grupo municipal nacionalista propón actualizar a aplicación Smart Mobility Marín, a web e os paneis informativos dos aparcamentos públicos para ofrecer datos reais, evitar confusións e mellorar o acceso á información desde as entradas da vila
En coherencia e continuidade co traballo que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén realizando para mellorar a xestión do aparcamento en Marín, o grupo trasladou ao pleno do pasado 9 de outubro unha proposta centrada na mellora do funcionamento da aplicación Smart Mobility Marín e dos paneis informativos sobre os aparcadoiros públicos gratuítos, co obxectivo de facilitar o uso destes espazos tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a vila.
A formación nacionalista propuxo solucións técnicas sinxelas e asumibles, como activar a versión iOS da app, actualizar os datos en todas as plataformas, amosar porcentaxes reais de ocupación cunha tipografía máis clara — como xa fan concellos como A Estrada — e instalar novos paneis nas entradas principais a Marín, especialmente dende Bueu e Moaña, para facilitar o acceso á información desde o primeiro momento e evitar confusións.
Estas propostas chegan tras detectar varias deficiencias no sistema actual de información sobre os aparcadoiros públicos. A aplicación Smart Mobility Marín continúa sen estar dispoñible para iOS, e a versión para Android, xunto coa web do proxecto MARES, ofrece datos incompletos, sen recoller todos os aparcadoiros activos nin o seu nivel real de ocupación. Ademais, os paneis instalados nas rúas só mostran un código de cores (verde, amarelo, vermello), sen cifras nin porcentaxes, o que pode dar lugar a erros na interpretación da dispoñibilidade real de prazas.
Durante o pleno, a alcaldesa María Ramallo do Partido Popular (PP) recoñeceu que o sistema non está actualizado, nin na aplicación, nin na web, nin nas pantallas, e que non recolle todos os aparcadoiros activos na actualidade.
Desde o BNG lembran que unha boa xestión do aparcamento tamén require que a información dispoñible sexa útil, clara e fiable, e que non abonda con instalar tecnoloxía se logo non se mantén ao día.