O Concello de Baiona informa que con motivo do Día de Todos os Santos están a levarse a cabo traballos de mantemento e preparación no cemiterio municipal. Conscientes da actual situación de descenso no nivel da presa de Baíña e das restricións de auga vixentes, estes labores están a realizarse facendo un uso responsable e eficiente dos recursos dispoñibles.
Para iso, está a reutilizarse auga non potable, cargada previamente en depósitos situados nos baixos do aparcamento do Aral. Esta auga, procedente do sistema de bombeo da devandita infraestrutura, non é apta para o consumo humano, polo que os seus usos están moi limitados a tarefas como a rega ou o baldeo, que son apropiadas para este tipo de recurso.
Desde o Concello reiteramos o noso compromiso coa xestión responsable da auga, procurando sempre manter en condicións adecuadas os servizos e instalacións municipais, adaptándonos ás limitacións actuais da mellor maneira posible.