HomePontevedraCaldasA Deputación reafirma o seu compromiso coa veciñanza de Pontecesures e subliña...

A Deputación reafirma o seu compromiso coa veciñanza de Pontecesures e subliña o investimento de 350.000 euros para transformar a contorna da estación de tren

- Anuncio -spot_img

“Dentro do noso espírito municipalista estamos a poñer inxentes recursos a disposición dos concellos, para mellorar a calidade de vida da veciñanza tanto de Pontecesures como de todos os municipios da provincia”, remarcou o deputado provincial Ricardo Martínez

O deputado provincial Ricardo Martínez asistiu este venres ao acto de recepción das obras de acondicionamento da contorna da estación de tren de Pontecesures, nas que a Deputación de Pontevedra investiu preto de 350.000 euros que supoñen máis do 70% do orzamento total da actuación, situado en 470.000 euros. “Dentro do noso espírito municipalista estamos a poñer inxentes recursos a disposición dos concellos, para mellorar a calidade de vida da veciñanza tanto de Pontecesures como de todos os municipios da provincia”, sinalou Martínez.

O acondicionamento da contorna da estación de tren de Pontecesures abarcou unha área de preto de 4.000 m2 de espazo público e consistiu nunha mellora integral das rúas Estación, Rosalía de Castro e Castelao para mellorar a súa calidade urbana. Dotouse todo o espazo dunha plataforma única con prioridade para a mobilidade peonil, ampliáronse as beirarrúas e creáronse novas prazas públicas onde se instalou mobiliario urbano e se crearon zonas verdes. A actuación tamén supuxo reestruturar as zonas de aparcamento da zona, así como aplicar medidas para o calmado de tráfico e completar as redes de abastecemento e saneamento da zona.

No acto, no que tamén participou a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, o deputado fixo fincapé en que a Deputación de Pontevedra está a impulsar a transformación e o avance do Concello de Pontecesures a través das súas diversas liñas de actuación e programas extraordinarios, como o Plan Extra, onde Pontecesures se beneficiou dunha achega de 371.000 euros (completados con 65.000 € co Plan +Provincia, cun orzamento total de 436.000 €) para a reordenación do inicio da súa Carlos Maside, ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con preto de 100.000 euros para as obras de mellora do pavillón polideportivo. Ademais, no marco da liña 1 do Plan +Provincia, na actual anualidade recibiu preto de 421.000 € para investimentos como a reforma da rúa Raimundo García Domínguez “Borobó”, con 225.000 €.

Publicacións Relacionadas