HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación colabora na posta en marcha da XIV Feira da Vaca...

A Deputación colabora na posta en marcha da XIV Feira da Vaca Rubia Galega de Rodeiro, que terá lugar o domingo 19 de outubro en Río

- Anuncio -spot_img

“O sector primario é un sector económico fundamental para a provincia de Pontevedra, motor de emprego e dinamismo, e peza clave para facer fronte ao reto demográfico e despoboamento do rural”, subliñou o presidente provincial Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de confirmar a súa colaboración coa Asociación Gandeira de Rubia Galega do País para poñer en marcha a XIV Feira da Vaca Rubia Galega de Rodeiro, que terá lugar o domingo 19 de outubro no Campo da feira de Río. Para o presidente provincial, Luis López,  “o sector primario é un sector económico fundamental para a provincia de Pontevedra, motor de emprego e dinamismo, e peza clave para facer fronte ao reto demográfico e ao despoboamento do rural”.

López remarcou o papel da Asociación Gandeira de Rubia Galega do País “por organizar esta feira que pon en valor a raza autóctona”, así como o papel clave que desenvolve na promoción e fortalecemento deste evento que “de seguro se vai converter nun punto de referencia para as granxas máis destacadas de Galicia e de encontro de gandeiros, criadores e público en xeral”. Por estes motivos, a Deputación de Pontevedra achegará máis de 3.000 euros á entidade para a posta en marcha da XIV Feira da Vaca Rubia Galega de Rodeiro.

O presidente provincial aproveitou ademais a ocasión para poñer en valor a estreita relación que ten o sector primario con outros sectores económicos de importancia na provincia como é o turismo, “ao proporcionar produtos de quilómetro cero, carne de primeiro nivel, a unha gastronomía, como a nosa, que nos identifica e posiciona no mundo”. Por estes motivos, o presidente amosou a vontade de “estar ao carón do sector agrogandeiro provincial, con axudas como esta que contribúen ao seu dinamismo e ao avance do conxunto da provincia”.

A XIV Feira da Vaca Rubia Galega de Rodeiro comezará na mañá do 19 de outubro coa poxa de xatos e xatas. A continuación celebrarase o concurso de gando, no que se darán cita máis de 105 exemplares procedentes de 15 gandeiras das catro provincias galegas, o que a converte na feira co maior número de vacas rubia galega de toda Galicia e na segunda co maior número de animais de toda a historia dos concursos autonómicos. En xeral, o certame repartirá 16 recoñecementos distribuídos en seis categorías, para poñer en valor a excelencia da raza autóctona e o traballo das persoas gandeiras.

Publicacións Relacionadas