A Xunta de Goberno resolveu as alegacións da convocatoria para a construción de ecoaloxamentos en municipios, con oferta reducida ou inexistente de infraestrutura turística, que conforman a área de intervención do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Colle Velocidade, Vilas Históricas e Termais
Tamén foi resolto o concurso público para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2025. Un total de 96 entidades percibirán axudas por importe global de 100.000 euros
Sete municipios da provincia obterán 275.339,64 euros en axudas á cooperación, así como diversas entidades culturais e deportivas recibirán 42.500 euros
A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión semanal, vén de mobilizar un total de 629.822,95 euros en axudas, a través de 18 asuntos que conformaron a orde do día.
Así, o órgano executivo do goberno provincial resolveu as alegacións presentadas ao concurso para a concesión de subvencións para a construción de ecoaloxamentos, ás que se destinan 212.000 euros.
Estas axudas servirán para a construción ou instalación de ecoaloxamentos, en municipios, con oferta reducida ou inexistente de infraestrutura turística, que conforman a área de intervención do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Colle Velocidade, Vilas Históricas e Termais, integrada polos municipios: A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia, Verín, Allariz e Castro Caldelas, concellos aos que foi dirixida esta convocatoria.
Unha vez resoltas as alegacións, as propostas aprobadas nesta convocatoria estarán nos municipios de Cenlle, Lobios e Ribadavia. Trátase dunha concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a construción de ecoaloxamentos e a súa convocatoria, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGeneration EU, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A subvención conta cun orzamento de 212.000 euros pertencente á actuación 1.3 “Ecoaloxamento en Concellos con potencial termal ou con centros históricos, dentro do Eixo 1 “Transición verde e sostible” do PSTD.
Por outra banda, a Xunta de Goberno resolveu tamén o concurso público para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2025. Destínanse a estas axudas 100.000 euros (99.983,31 euros) que recibirán un total de 96 asociacións desta provincia.
No que atinxe á cooperación municipal, a Xunta de Goberno destina esta semana 275.339,64 euros a axudas para 7 concellos da provincia (Lobeira, Carballeda de Valdeorras, Entrimo, Monterrei, Verín, Cortegada e Bande), centradas en mellora de infraestruturas, equipamentos, reparación e ampliación de viais e melloras en pavimentos e espazos públicos.
Diversas entidades culturais e deportivas da provincia obterán esta semana 42.500 euros en axudas: a Coordinadora da Festa da Istoria, a Federación Galega de Remo, a Federación de Xogadores de Mus e o Programa de Orientación Rumbo.
Por último, aprobáronse modificacións do Plan CooperOU a petición dos municipios de Carballeda de Avia, Castro Caldelas e Rubiá.



