HomeXunta de GaliciaA Xunta contribúe coa súa experiencia ao deseño de turismo do futuro

A Xunta contribúe coa súa experiencia ao deseño de turismo do futuro

- Anuncio -spot_img

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á reunión da Xunta Directiva de NECSTourR onde se debateron as accións a desenvolver en materia de gobernanza, datos e clima, como próximos retos das rexións europeas en relación co turismo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na reunión da Xunta Directiva de NECSTourR, a rede  de rexións europeas para un turismo sostible e competitivo,  que tivo lugar en Bruxelas e na que se analizaron as accións desenvoltas por este órgano ao longo deste 2025 para favorecer a redistribución de fluxos turísticos nas distintas rexións de Europa e a promoción de novos destinos emerxentes, co obxectivo de acadar un turismo cada vez más sostible en relación con destinos e coas persoas que os visitan.

Ademais, tamén se abordou como as políticas europeas poden contribuír para afrontar este reto e deuse conta dos últimos avances para ultimar a Estratexia Europea de Turismo que se publicará en 2026. Neste sentido, NECSTouR comprometeuse a desempeñar un papel central na configuración e na aplicación desta planificación, promovendo unha gobernanza turística eficaz a través da súa propia folla de ruta con horizonte 2030.

No ámbito desta xuntanza, o director de Turismo de Galicia propuxo a candidatura desta comunidade para acoller a Asemblea xeral do organismo no ano 2027, coincidindo coa celebración do Xacobeo. Neste sentido, Merelles salientou que o Camiño de Santiago é o primeiro itinerario cultural europeo, así como o seu papel na construción de Europa e o seu papel como exemplo de actividade sostible.

Durante as sucesivas reunións de traballo, Xosé Merelles salientou o esforzo que ten feito Galicia en cuestións coma o control de fluxos turísticos e que se rexe precisamente pola Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e que a comunidade compartiu nas distintas reunións ao longo deste 2025 do Tourism of Tomorrow Lab de NESCSTouR.

Unha das súas liñas de actuación é a creación do Observatorio de Sostibilidade Turística que botou a andar o pasado mes de novembro e que está a deseñar factores e indicadores para analizar o sector turístico galego actual e favorecer á súa adaptación ás  tendencias do turismo a nivel mundial. O Observatorio tamén quere impulsar a implantación do turismo intelixente e contribuír á cohesión e colaboración do sector turístico galego e doutros grupos de interese para incrementar a súa competitividade e o seu potencial.

Grupo de traballo

Galicia forma parte do grupo Tourism of Tomorrow Lab de NESCSTouR xunto con Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Visit Flanders, Emilia-Romaña, Laponia, Madrid, Lanzarote, Westtoer e Consell d’Eivissa (Ibiza).

A finais deste 2025, todos estes integrantes formarán parte dunha plataforma informática que se presentará en novembro e que desenvolverá unha metodoloxía para medir o tráfico e a mobilidade nun destino e tamén para auditar e recompilar fontes de datos co fin de crear un conxunto sostible de indicadores rexionais que logo se estenderán a todos o integrantes de NECSTouR.

Este grupo de traballo tamén impulsará un programa de capacitación para PEMES turísticas que se impartirá en Lanzarote no marco das Xornadas de Coñecemento de NECSTouR. Xa no mes de decembro, celebrase o Cumio de Datos en Bruxelas, que incluirá talleres sobre análises de datos e aplicación da IA no turismo.

Gobernanza dos destinos turísticos

A reunión da Xunta Directiva de NECSTourR serviu tamén para analizar cuestións como gobernanza de distintos destinos das rexións europeas e como estas están a abordar as cuestións relacionadas co equilibrio do turismo, como están a traballar no control dos fluxos, a desestacionalización e o impacto do turismo nas comunidades locais e o medio ambiente. Entre os casos de éxito expostos están o Val do Loira, Suecia, a Comunidade de Madrid e Amsterdam.

NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un Turismo Competitivo e Sostible, é a entidade europea que avoga pola sustentabilidade —económica, social e medioambiental— como motor fundamental da competitividade dos destinos turísticos.

Nela están representadas un total de 44 rexións europeas e 32 organizacións académicas, asociacións e redes de empresas de turismo sostible, que representan a 19 países europeos, o que garante un amplo alcance e impacto rexional.

Publicacións Relacionadas