O Concello ofrece composteiros, formación e apoio técnico gratuíto para que a veciñanza con terreo poida transformar os seus residuos orgánicos nun recurso útil
A metade do lixo que se xera nos fogares está composto por materia orgánica e a súa correcta xestión resulta decisiva tanto para protexer o medio ambiente como para reducir os custos asociados ao tratamento dos residuos. Co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis sostible, o Concello pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica dirixida ás persoas que dispoñan dun pequeno terreo. A iniciativa inclúe a entrega gratuíta de composteiros e formación práctica, así como un servizo de asesoramento e seguimento durante todo o ano 2025.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “impulsar a compostaxe doméstica non só mellora a xestión dos residuos, senón que tamén é un paso esencial para avanzar cara a un municipio máis sostible e consciente do impacto ambiental. E cada fogar pode contribuír activamente na protección da nosa contorna traballando para esa redución do lixo e aproveitando os recursos de forma resonsable”.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, subliñou que “esta iniciativa ofrece á veciñanza ferramentas prácticas para que o proceso de compostaxe sexa doado e efectivo, facilitando que en cada casa poida facerse un cambio real na selección e redución de residuos”
As persoas interesadas en participar activamente e reservar o material da campaña poderán facelo premendo o botón de Únete que aparece na web medioambiente.orosal.gal, onde tamén se pode consultar información sobre os servizos municipais de xestión de residuos. Ademais, a inscrición pode realizarse de forma presencial no propio Concello ou a través do teléfono 647 521 464.
As datas clave da campaña anunciaranse nas redes sociais municipais. As persoas rexistradas recibirán tamén unha chamada telefónica para confirmar a súa participación nas xornadas de formación e entrega de material.
Esta actuación conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.