HomeVigoMosDifundimos a nota de prensa da Xunta da entrega das Bandeiras Verdes...

Difundimos a nota de prensa da Xunta da entrega das Bandeiras Verdes 2025 no Pazo de Mos

- Anuncio -spot_img

Rueda reivindica no Pazo de Mos o compromiso dos concellos galegos coa sustentabilidade na entrega das Bandeiras Verdes 2025

O presidente da Xunta avanza a creación no 2026 da Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, que permitirá compartir boas prácticas e desenvolver proxectos conxuntos

Enmarca esta iniciativa na nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que integrará a protección da paisaxe en áreas como a ordenación do territorio, a mobilidade ou o turismo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou hoxe en Mos na entrega das Bandeiras Verdes de Galicia, un acto que destacou como exemplo do compromiso dos concellos e dos seus habitantes. “Este é un acto de amor pola nosa terra, no que enviamos unha mensaxe de que non só os responsables municipais, senón o conxunto da veciñanza, están comprometidos con ter un concello fermoso e sostible. Concienciados con esa mentalidade verde de Galicia fermosa, Galicia bonita, desa Galicia Calidade”, indicou.

A Bandeira Verde de Galicia, creada pola Xunta no ano 2020, consolidouse como un distintivo pioneiro a nivel estatal. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cun selo propio que distingue o esforzo local pola paisaxe, a eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos. Nesta sexta edición acádase unha cifra récord, con 33 concellos recoñecidos, case un 40% máis que o ano pasado.

A Coruña é a provincia con máis concellos galardoados nesta edición (15 en total), mentres que Lugo, Ourense e Pontevedra contan con seis localidades recoñecidas cada unha. Para o titular do Executivo autonómico, esta distribución amosa que a Bandeira Verde é unha ferramenta que impulsa a cohesión territorial, xa que permite que municipios do interior e do rural teñan as mesmas oportunidades de visibilidade ca os costeiros.

O presidente destacou o papel de Mos, que este ano se incorpora á lista de concellos distinguidos. A localidade foi recoñecida pola presentación de once iniciativas sostibles, entre elas o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible, proxectos de mobilidade activa, medidas de eficiencia enerxética, xestión responsable da auga e programas de educación ambiental.

Durante o acto, Rueda avanzou que no 2026 a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, unha estrutura de cooperación que permitirá compartir boas prácticas, desenvolver proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico e económico aos municipios adheridos. A Rede contará tamén cun foro anual de expertos e cunha páxina web de referencia, co obxectivo de reforzar o posicionamento de Galicia en Europa como territorio comprometido coa paisaxe e a sustentabilidade.

O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa na nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, está a elaborar e que marcará as políticas públicas dos vindeiros anos. A estratexia integrará a protección da paisaxe en ámbitos como a ordenación do territorio, a mobilidade, o turismo e a educación, co propósito de facer da paisaxe un eixe transversal do desenvolvemento sostible e da identidade galega.

O presidente destacou que o obxectivo da Xunta é que “a conservación da paisaxe, que é tanto como dicir a conservación de Galicia e dos seus concellos, estea presente en todas as políticas transversais”.

Publicacións Relacionadas