HomeSin categoríaO BNG de Vigo denuncia que Caballero “non moveu un papel” para...

O BNG de Vigo denuncia que Caballero “non moveu un papel” para a creación do Observatorio da Vivenda

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista critica a “política de promesas que fican en nada” do alcalde, que anunciou o 11 de xullo un convenio coa Universidade de Vigo para desenvolver este ente

Acusa o Goberno municipal de “ser cómplice por omisión” da falla de actuacións da Xunta

Xabier P. Igrexas: “Estes anuncios ocos son especialmente inaceptábeis cando teñen a ver co acceso á vivenda, o problema social máis importante hoxe na nosa cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno municipal “non moveu un só papel” para creación dun Observatorio da Vivenda en colaboración coa Universidade de Vigo, anunciado o pasado 11 de xullo polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. A fronte nacionalista critica a “política de promesas que fican en nada” do Goberno municipal co problema social máis importante hoxe na cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, revelou que 95 días despois nada se sabe dese presunto convenio, do que a día de hoxe non consta ningún expediente no Concello. Sobre esta cuestión interpelou na Xerencia de Urbanismo celebrada este martes, recibindo como resposta un “moi elocuente silencio” por parte da concelleira responsábel da área, María José Caride.

A creación dun Observatorio Local da Vivenda foi unhas medidas aprobadas polo Pleno municipal en marzo de 2024, incluída nunha moción do Bloque para dar resposta á situación de “emerxencia habitacional” en Vigo. Un ano e medio despois, alertou Igrexas, a situación está a agravarse co custo medio do alugueiro preto dos 700 euros mensuais e cun aumento do 35% rexistrado nos últimos anos, segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que supoñen un 15% máis que o incremento dos salarios.

“Caballero pasou da política de brazos caídos a xestos para simular que fai algo, un cambio cosmético de cara á galería cando en realidade o Concello de Vigo continúa sen actuar no ámbito da vivenda”, criticou o portavoz nacionalista. Nese sentido, Afeou a inacción do Goberno local nesta materia durante 18 anos, e as reiteradas negativas a despregar medidas para facilitar o acceso a este dereito básico, malia as numerosas propostas realizadas polo BNG.

O pasado 11 de xullo o alcalde de Vigo anunciaba, nun audio remitido aos medios de comunicación, a creación deste Observatorio co obxectivo de facer un “estudo de forma permanente” da evolución dos prezos da vivenda na cidade. Unha medida que, segundo defendeu o rexedor, serviría para tomar decisións en materia de vivenda.

Cómplice da Xunta do PP

Igrexas demandou “moito máis que promesas ocas e anuncios” diante da grave situación na que están centos de familias traballadoras, para as que lograr unha vivenda se converteu nun “luxo imposíbel”, para miles de mozas e mozos que non se poden emancipar e para as máis de 7.000 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida en Vigo.

O portavoz municipal do Bloque reclamou o alcalde que “deixe de ser cómplice por omisión” da falla de actuacións da Xunta do PP no ámbito da vivenda. Lembrou a ese respecto que o Goberno galego, con competencias na materia, só promoveu 60 vivendas protexidas na cidade dende o ano 2009. “O Goberno local debe deixar de ser parte do problema e comprometerse con solucións, pero con medidas efectivas e non con simple parola”, remachou.  

Publicacións Relacionadas