HomeXunta de GaliciaA Xunta eleva ata os case 6 M€ o programa Aprol Economía...

A Xunta eleva ata os case 6 M€ o programa Aprol Economía Social para impulsar o emprego e fomentar a competitividade de cooperativas e sociedades laborais

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación de crédito da orde de 2025 destas axudas, que apoian a incorporación de persoas desempregadas e traballadoras a cooperativas e sociedades laborais
  • As contías increméntanse se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, así como no caso de concellos rurais, cooperativas xuvenís ou de nova creación con catro socios ou máis
  • Entre 2017 e 2024, a Xunta destinou case 34 M€ a esta iniciativa, permitindo a incorporación de case 6.200 persoas a cooperativas e sociedades laborais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación de crédito da convocatoria de 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais. Así, cun orzamento de case 6 millóns de euros (preto dun 20 % máis), prevese que o programa Aprol Economía Social beneficie máis entidades e promova a incorporación de máis persoas socias, consolidando un ecosistema económico de crecemento sustentable que aposta polo emprendemento e polo emprego de calidade, ao tempo que contribúe a vertebrar o territorio e a fixar poboación no rural.

Deste xeito, o maior orzamento permitirá aumentar o número de beneficiarios de entre o total das solicitudes recibidas no prazo oficial da convocatoria, que pechou o pasado 16 de setembro. Coa orde publicada hoxe tamén se amplía o prazo de xustificación ata o 29 de novembro deste 2025 co gallo de que as entidades que se beneficien do aumento de crédito teñan tempo suficiente para acreditar os gastos que se subvencionan.

Cómpre recordar que o programa conta con dúas liñas compatibles entre si: a primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e a segunda da que se pode beneficiar quen entre como socio ou traballador indefinido a unha destas entidades ou ben se incorpore tras iniciar a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso ao emprendemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Como novidade, nesta nova convocatoria a Xunta eleva dos dous aos tres anos o período de permanencia como cooperativa ou sociedade laboral requirido ás entidades beneficiarias, co gallo de asegurar no tempo o seu beneficio no eido do traballo por conta propia. Coa finalidade de consolidar o emprego de calidade, deberase manter tamén durante tres anos o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras indefinidas comprometido nas solicitudes presentadas e aprobadas.

Detalles do programa Aprol Economía Social 2025

A contía básica da axuda en cada liña ascende a 6.000 euros. No caso da primeira, poden solicitala cooperativas e sociedades laborais que sumen socios, traballadores con carácter indefinido ou a proba.

Mentres, o segundo programa diríxese ás persoas que accedan á condición de socias dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral con carácter indefinido co obxecto de facilitar a súa achega ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, sempre que estivesen previamente desempregadas, fosen socias a proba nas entidades ás que se incorporan, estivesen asalariadas nelas ou noutras empresas que logo se transforman en cooperativa ou sociedade laboral. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como socias en réxime de exclusividade. En ambas liñas, a orde contempla incrementos da axuda acumulables entre si do 25% se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou trans. Tamén se as entidades teñen a sede en contornas rurais, se son cooperativas xuvenís ou de nova creación que conten con catro ou máis socios.

Cómpre engadir que entre os anos 2017 e 2024, a Xunta destinou case 34 millóns de euros a esta iniciativa, permitindo a incorporación de preto de 6.200 persoas a cooperativas e sociedades laborais co conseguinte reforzo da economía social.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251015/AnuncioG0767-081025-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas